Destacados

Tanxugueiras ao vivo, espectáculo especial na Culturgal 2021

Tanxugueiras ao vivo, espectáculo especial na Culturgal 2021

Tanxugueiras estarán ao vivo na Culturgal 2021 cun espectáculo que promete ser prato forte nesta 14ª edición da Feira. O domingo 28 de novembro ás 18h no Auditorio do Pazo da Cultura de Pontevedra, toda a audacia e enerxía das tres pandeireteiras protagonizará a xornada de clausura de Culturgal 2021. O grupo do que máis se fala na música galega dos últimos tempos pola súa extraordinaria capacidade de conectar cos novos públicos e que ultima o seu terceiro disco, anuncia sorpresas e colaboracións para este espectáculo especial. As entradas sairán á venda o luns 18 de outubro a través da plataforma Enterticket.es. O concerto é unha proposta da empresa PlayPlan para a programación de Culturgal 2021, que se celebra do 26 ao 28 de novembro en Pontevedra.


Co seu primeiro álbum homónimo, publicado en 2018, Tanxugueiras inicia unha traxectoria que as leva a visitar, en só 3 anos, máis de 100 escenarios de todo o planeta acompañadas polas súas pandeiretas. En 2019 chega “Contrapunto”, un disco que incrementa as revolucións da música galega coa reinterpretación de coplas tradicionais, ateigadas de arranxos e harmonías diversas. Ese mesmo ano participan na Culturgal cun showcase e unha sinatura de discos da que gozaron centos de persoas. Cantareiras dunha nova década, as voces de Olaia Maneiro, Aida Tarrío e Sabela Maneiro, ateigadas de virtuosismo e contundencia, son as máximas expoñentes dunha xeración aberta á evolución e reformulación das músicas de creación colectiva galega. Entre os seus galardóns e recoñecementos, o Premio La Opinión 2020 á mellor adaptación dunha peza tradicional, a inclusión entre os mellor 20 discos de world music en maio de 2020 na World Music Cahrts Europe, ou o Premios Martín Códax da Música 2019 ao mellor grupo de música tradicional e folk. 


Neste 2021, as cantareiras libéranse de prexuízos para consolidar a identidade dun grupo que explora con curiosidade a fusión da tradición con sonoridades urbanas e modernas. O single “Midas”, lanzado a principios de ano con influencias de sons próximos ao trap ou á electrónica, pon o foco sobre unhas artistas audaces, chamadas a levar os ritmos e a enerxía da terra por escenarios de todo o mundo. Midas suma case medio millón de reproducción tanto en Youtube coma en Spotify, mais a última proeza das Tanxugueiras chámase Figa e o seu videoclip supera neste mes de outubro as 435.000 reproducións en Youtube. Tamén foi noticia porque se revelou como o tema favorito dos fans españois de cara a Eurovisión 2022 de acordo á enquisa anual entre socios e lectores de Eurovision-Spain.com. 

As entradas para o espectáculo de Tanxugueiras na Culturgal 2021, o domingo 28 de novembro ás 18h, sairán a venda o luns 18 de outubro. O público que se achegue ao Auditorio do Pazo da Cultura de Pontevedra compartirá coas tres pandeireteiras a fin de Xira Contrapunto, o peche dun ano espectacular para o grupo e gozará, ademais, dun concerto especial no que Tanxugueiras subirá ao escenario a diferentes colaboradores. 


Culturgal celébrase en 2021 co lema “A cultura que toca” e conta co apoio da Xunta de Galicia a través de Agadic, do Concello de Pontevedra, da Deputación de Pontevedra, do Ministerio de Cultura e Deporte e da Deputación da Coruña.