Destacados

Selección de propostas de programación 2020

Selección de propostas de programación 2020

PROCESO DE SELECCIÓN PARA ACTIVIDADES E PRESENTACIÓNS NA CULTURGAL 2020
En caso de emerxencia, cultura

Culturgal, como espazo de promoción e divulgación de proxectos de interese na cultura galega actual, abre un proceso de selección para o programa de actividades 2020. A Feira desenvólvese do 27 ao 29 de novembro no Pazo da Cultura de Pontevedra. A xornada do venres 27 está dirixida ao público profesional; sábado 28 (de 11h a 21h) e domingo 29 (de 11h a 20h) a Feira ábrese ao público xeral. 

A Culturgal 2020, co lema “En caso de emerxencia, cultura” presenta importantes cambios e novidades debido á pandemia mundial provocada pola COVID-19. Por iso é importante que teñas en contas estas consideracións previas:-A Feira reduce aforo e o público accederá ao recinto con entrada adquirida con anticipación e horario establecido.-A Feira reformula a súa programación en relación a edicións anteriores, con menor número de actividades en 2020. -A Feira prioriza os formatos showcase dentro da súa programación para poder acoller un maior número de propostas.-Debido ás tres consideracións previas, a participación no proceso de selección non significa a inclusión das propostas na grella da Feira. A selección de propostas a incluír no programa oficial de Culturgal é tarefa conxunta da directiva da Asociación Culturgal co asesoramento técnico do equipo de traballo da Feira, de acordo aos criterios expresados no último punto das bases.


Desde o 13 de outubro até o 6 de novembro, empresas, profesionais, asociacións e outras entidades están convidadas a participar na Culturgal 2020. A Asociación Culturgal, promotora da Feira, está formada por Escena Galega, Agapi, Asociación de Editoras Galega, AGEM e Eganet. 

1. Quen pode participar?
No proceso de selección poden participar empresas, persoas, asociacións e outras entidades, que poderán presentar proxectos empresariais ou creativos de calquera disciplina ou  actividade do sector cultural, sempre e cando teñan participación galega. As persoas participantes na programación terán que seguir as normas vixentes para a actividade cultural en relación á COVID-19. A organización da Feira facilitará ás empresas e entidades con propostas seleccionadas o protocolo a seguir. Aquelas propostas presentadas por entidades que, ademais, contrataran un stand en edicións anteriores, serán valoradas con prioridade no proceso de selección. En calquera caso, isto non implica a inclusión das propostas no programa de Culturgal 2020, senón unha vantaxe á hora de seleccionar propostas e presentacións.

2. Por que presentar propostas para Culturgal 2020? Cales son os beneficios para os proxectos seleccionados? 

Culturgal é a cita de referencia da actividade cultural en Galicia. Esta 13ª edición da Feira presenta grandes diferenzas respecto das anteriores, especialmente pola redución de aforos obrigada pola COVID-19, pero será sen dúbida será un evento central para os públicos, para as empresas, entidades e institucións, para artistas e para profesionais, nun ano complicado para o sector.  A súa capacidade como gran escaparate e o carácter de plataforma dos proxectos do novo ano, aqueles “que van vir”, convérteno nun punto de atención para público, axentes culturais, empresas e institucións, medios de comunicación. A inclusión das propostas no programa oficial é sinómino de promoción e difusión en todos os soportes de comunicación da Feira. En 2020 a Feira tamén aproveitará a contorna dixital e a difusión vía streaming para chegar a máis públicos.

3. Cales son os espazos de programación? Como se organiza o programa Culturgal 2020?

 En Culturgal 2020 confluirán diferentes áreas da actividade cultural: Libro, Música, Artes Escénicas, Audiovisual, Infantil e Familiar, Arte Contemporánea, Profesional. Todas estas áreas alimentan os espazos de exposición e a programación da Feira; todas esas áreas poden hibridarse e “contaminarse” na procura de novos formatos. En 2020 a Feira reduce o seu número de actividades de acordo ás normas sanitarias e á redución de aforos. Presentacións e showcases terán lugar no «Espazo Infantil» e «Espazo Libro», ambos no recinto feiral, e no «Espazo Foro», situado na Sala de Exposicións do Pazo da Cultura de Pontevedra. Ademais serán escenarios Culturgal 2020 o Auditorio e o Salón de Actos do Pazo da Cultura. Ten en conta que en 2020 non hai Carpa Culturgal. A continuación, dámosvos algunhas claves de cada un dos espazos de programación:

ESPAZO INFANTIL E FAMILIAR: Situado dentro do recinto feiral, acolle propostas dirixidas ao público máis novo e ás súas familias, en pequeno e mediano formato. Espectáculos, contacontos, obradoiros e ciencia, etc, teñen cabida neste escenario.
ESPAZO LIBRO. Na parte central da Feira, o espazo de referencia para o encontro entre autoras/es e público con todos os premios, novidades, lanzamentos a curto prazo, conversas e mesas redondas.
FORO. IMPORTANTE. Os eventos aqui realizados poderán ser retransmitidos por streaming a través de redes sociais propias ou alleas ou difundidos integramente por outros medios sen interese comercial. Situado na Sala de Exposicións do Pazo, idóneo para presentacións e encontros profesionais, charlas formativas, testeo de produtos e servizos, iniciativas municipais, conversas híbridas e recitais. Acollerá tamén a programación vinculada á arte contemporánea. 
SALÓN DE ACTOS/ CINEMA. Un espazo singular no Salón de Actos do Pazo da Cultura, coordinado por Agapi, para pre-estreas, cinema e produtos televisivos, proxeccións e encontros ou seminarios ao redor do sector. 
AUDITORIO:  NOVIDADE O Auditorio do Pazo da Cultura acolle en 2020 propostas de artes escénicas e música ao vivo. IMPORTANTE. Os eventos aqui realizados poderán ser retransmitidos por streaming a través de redes sociais propias ou alleas ou difundidos integramente por outros medios sen interese comercial.


4. Páganse cachés ou gastos de desprazamento?
O Culturgal é un espazo para a mostra colectiva de espectáculos e propostas artísticas en formatos express ou de showcase. A Feira non contempla o pago de cachés por entender que a mostra é un espazo de promoción, difusión e de achega a un proxecto corresponsable que redunda no ben común da cultura feita en Galicia.  Nas actividades que se desenvolvan ao vivo na Feira, a organización fará unha achega económica para compensar os gastos de artistas e creadores/as. Esta axuda afecta só a artistas e creadores/as e, en ningún caso, aos representantes das entidades editoras, produtoras ou similares que participen nas presentacións. Por norma xeral serán 50 euros por persoa cando o desprazamento sexa doutra provincia; no caso de artistas que se despracen desde a propia provincia de Pontevedra a axuda será de 25 €. 

Abonarase dita axuda a un máximo de 3 artistas/creadores por presentación. Aquelas/es artistas ou creadoras/es que acudan no mesmo día a máis dunha presentación só se lles abonará a axuda por unha delas. Ditas cantidades serán abonadas pola organización previa presentación de factura pola entidade representante ou ben mediante a emisión dos correspondentes recibos a nome dos beneficiarios da axuda. A organización habilitará un servicio de administración propio no recinto onde se deberá tramitar a entrega da documentación necesaria para o pagamento. 
IMPORTANTE: As entidades promotoras das actividades deben responsabilizarse de que as persoas participantes no evento, no caso de ser profesionais, cumpren cos requisitos legalmente establecidos na normativa laboral vixente.
IMPORTANTE: o pagamento tramitarase ou ben na mesma Feira ou ben mediante o envío por email de factura dixital ou escaneada nos días posteriores.
IMPORTANTE: O prazo de recepción de facturas por este concepto remata o 20 de decembro.

5. Cal é o prazo de presentación de propostas de actividades ou presentacións?
O prazo para a presentación de propostas de actividades ou presentacións ábrese o día13 de outubro e péchase o 6 de novembro de 2020. Malia a existencia destes prazos a organización irá confirmando durante este periodo as propostas seleccionadas. Polo tanto animamos a todas as persoas ou organización interesadas a que envíen as súas propostas en canto as teñan ultimadas, sen agardar ao remate do prazo.

6. Cal é o procedemento para facer chegar unha proposta? Que información debo achegar?
As empresas, persoas, asociacións ou colectivos interesados en participar deben cumprimentar o FORMULARIO. Tal como se vos solicita no formulario: descrición do proxecto, título, necesidades técnicas, espazo da feira ao que se adecúa.
IMPORTANTE: A programacións organízase en formatos de pequena duración. Teno en conta. Unha vez a coordinación de propostas vaia facendo a súa selección porase en contacto con vós solicitándovos a información que precise complementar. Sobre todo a referida ás características técnicas e os participantes na presentación.

7. Cales son os criterios de selección?
Agardamos non cansar por repetir que en 2020 e, debido á situación provocada pola pandemia, a programación da Feira prescindirá de cantidade en favor de novidade e alcance das propostas. Así mesmo, contémplase a expansión do programa físico a través do formato online para poder chegar a máis público nun ano no que os aforos no Pazo da Cultura de Pontevedra serán máis reducidos.A selección de propostas é un traballo de colaboración entre as entidades que forman parte da Asociación Culturgal e o equipo da Feira, atendendo aos seguintes criterios:
Adecuación aos valores e obxectivos da Asociación Culturgal, entre os que destaca a promoción e o desenvolvemento da lingua e da cultura galegas.
Calidade do proxecto, innovación na súa formulación, adecuación técnica e conceptual na Feira.
Viabilidade técnica, material e económica.

Complementariedade entre as distintas propostas que conforman a programación total da Feira. A organización dará prioridade ás propostas que teñan en conta as seguintes premisas:
Lanzamento e estrea de produtos e proxectos, que teñan Culturgal como primeiro espazo de presentación. Proxectos que veñan de ser publicados ou presentados ou que o vaian ser en pouco tempo. Valorarase ademais o adianto de proxectos en proceso.
Produtos e proxectos que impliquen colaboración entre empresas do mesmo sector ou entre empresas de sectores diferentes.
Propostas chegadas de empresas con stand en anteriores edicións.
Propostas presentadas por empresas asociadas ás entidades que forman parte da Asociación Culturgal.
Propostas que acheguen os procesos creativos ao público.
Uso de formatos de presentación singulares, non estandarizados, que incidan na participación do público.
Produtos ou servizos dirixidos a profesionais do sector cultural.

Unha vez seleccionados os proxectos, a organización de Culturgal decidirá horarios e espazos para as diferentes actividades. As presentación deberán adaptarse, en calquera caso, ao equipamento, formato e espazo de presentación. Estes condicionantes redundarán na confección dun programa que beneficiará a todas as partes: organización, público xeral, profesionais e creadores /artistas.