Destacados

Participa na programación Culturgal 2021!

Participa na programación Culturgal 2021!


Desde a segunda semana de xullo está aberto o prazo de participación no programa Culturgal 2021. Do 26 ao 28 de novembro a Feira acollerá no Pazo da Cultura de Pontevedra showcases, presentacións de libros e espectáculos, actividades profesionais, teatro, programación familiar e concertos, debates, encontros e sinaturas con autoras/es, cinema e proxectos de arte contemporánea. A cultura que toca é o lema escollida para esta 14ª Culturgal. Lembra que o prazo de presentación de propostas remata o 15 de setembro!


Culturgal 2021 recupera o seu carácter máis físico e emocional nesta viaxe emprendida por todo o sector cultural para reforzarse tras a pandemia. Malia un previsible escenario de vacinación xeralizada e baixa incidencia da COVID19, a organización da feira establecerá todas as medidas sanitarias e de seguridade pertinentes nesa altura, aínda que se vexa afectada a programación xeral. 

Descarga o documento completo BASES DE SELECCIÓN DE PROPOSTAS

Dez minutos de lectura para coñecer os criterios e detalles de participación.

Quen pode participar?
A convocatoria está aberta a empresas, persoas, asociacións e outras entidades, que poderán presentar proxectos empresariais ou creativos de calquera disciplina ou actividade do sector cultural, sempre e cando teñan participación galega. Aquelas propostas presentadas por entidades que, ademais, contrataran un stand, serán valoradas con prioridade no proceso de selección. En calquera caso, a contratación dun stand non implica a inclusión das propostas no programa de Culturgal 2021, senón unha vantaxe á hora de seleccionar propostas e presentacións.  


Cales son as áreas e espazos de programación? Ofrecémosche algunhas chaves á hora de presentar propostas:


ESPAZO INFANTIL E FAMILIAR. Situado dentro do recinto feiral, acolle propostas dirixidas ao público máis novo e ás súas familias, en pequeno e mediano formato. Espectáculos, contacontos, obradoiros e ciencia, etc., teñen cabida neste escenario. 

ESPAZO LIBRO. Na parte central da Feira, o espazo de referencia para o encontro entre autoras/es e público con todos os premios, novidades, lanzamentos a curto prazo, conversas e mesas redondas. 

FORO. Situado na Sala de Exposicións do Pazo, idóneo para presentacións e encontros profesionais, charlas formativas, testeo de produtos e servizos, iniciativas municipais, conversas híbridas e recitais. Acollerá tamén a programación vinculada á arte contemporánea. 

SALÓN DE ACTOS/ CINEMA. Un espazo singular no Salón de Actos do Pazo da Cultura coordinado por Agapi, para pre-estreas, cinema e produtos televisivos, proxeccións e encontros ou seminarios ao redor do sector.  

AUDITORIO. O Auditorio do Pazo da Cultura acolle en 2021 propostas de artes escénicas e música ao vivo. 

OUTROS ESPAZOS. O Pazo da Cultura de Pontevedra é un espazo multiusos, cunha importante dotación para congresos e outro tipo de encontros. A programación de Culturgal pode expandirse a aulas e seminarios con aquelas propostas que polas súas características (preinscrición, prazas limitadas, actividades de tipo interno, etc.) precisan destes espazos. 


Que é CULTURGAL TV ?

En 2020 Culturgal experimentou tres canles de retransmisión online para poder levar a milleiros de persoas a programación nunha edición marcada polas restricións sanitarias. En 2021 a aposta polo reencontro e a presencialidade non implica renunciar a un formato híbrido. Culturgal TV será a canle do evento no Youtube; unha única canle que recolla a diversidade da Culturgal. Cando presentes a túa proposta á programación preguntarémosche pola posibilidade de inclusión nesta canle.


Como se leva a cabo a selección de propostas?
A selección de propostas é un traballo de colaboración entre as entidades que forman parte da Asociación Culturgal e o equipo da Feira. Podes consultar os criterios nas BASES DE SELECCIÓN 2021.