Destacados

“Ons” de Alfonso Zarauza abrirá Culturgal 2020 en Pontevedra

“Ons” de Alfonso Zarauza abrirá Culturgal 2020 en Pontevedra

Un dos títulos cinematográficos máis agardados do ano abrirá a 13ª edición de Culturgal o venres 27 de novembro. “Ons”, o último filme de Alfonso Zarauza, chega a Culturgal antes de estrearse nas salas comerciais e tras o paso por dous grandes certames: o Festival de Cine Europeo de Sevilla e Cineuropa en Santiago de Compostela. O pase de “Ons” no Pazo da Cultura de Pontevedra será moi especial, polo miniconcerto previo da banda Chicharrón, responsable do tema principal da película, e pola presenza do director e reparto que compartirán os primeiros pasos do filme co público. Este será un dos poucos eventos exclusivamente presenciais de Culturgal 2020, que traslada a súa programación á retransmisión online para chegar a máis público neste ano de pandemia.

“Ons” é o quinto filme de Alfonso Zarauza, que levou trama e cámaras a unha das illas emblemáticas de Galicia. O paraiso agreste da illa atlántica de Ons, cuns poucos habitantes dispersos entre o verdor e os acantilados, vai exercer como un polo magnético na vida dun grupo de persoas. No argumento, un matrimonio que chega a Ons,  días que van volvéndose borrascosos, segredos gardados que empezan a aflorar, e unha muller estranxeira que aparece desmaiada na beira do mar. Unha enigmática irrupción que terminará de espallar un influxo innomeable nas vidas dos protagonista. Nas palabras do seu director, Ons é unha película “moi enigmática, poderosa e fermosa, tanto a nivel estético, fotográfico, colorista e plástico, como a nivel conceptual, discursivo”. 

A súa estrea mundial no Festival de Cine Europeo de Sevilla na sección “Historias Extraordinarias. Selección Oficial Special Screen” terá lugar mañá xoves 12 de novembro. Tamén terá un pase o día 22 de novembro na 34ª edicíón de Cineeuropa en Santiago de Compostela. Na apertura da Culturgal, o venres 27 de novembro ás 19:00, a proxección contará coa presenza de Alfonso Zarauza, do produtor Xavi Font, e de boa parte do reparto encabezado por Melania Cruz, Antonio Durán 'Morris', Xúlio Abonjo , Anaël Snoek e Marta Lado. Será un evento presencial, dentro da programación de cinema de Culturgal coordinada por AGAPI (Asociación Galega de Produtoras Independentes), co aforo permitido e cos convites dispoñibles online unha semana antes na páxina cultur.gal.

O concerto previo de Chicharrón suma talento ao pase de “Ons” o venres 27. A banda de Carballo é a autora do tema musical principal da película "Na Cela", unha canción na que se musica un poema de Antía Otero. Desde 2014, coa gravación do seu primeiro disco "Chicharrón" (Prenom, 2014), a banda é un dos nomes claves da escena pop musical innovadora do país. Acaban de anunciar a próxima saida do traballo “Unha fogueira intacta”. 

2 días, 3 canles e 20 horas de transmisión da Culturgal

A 13ª edición da Culturgal irá avanzando o seu programa nos próximos días, protagonizado polas grande estreas do ano e os nomes de referencia da literatura, música, arte contemporánea, cinema e artes escénicas. Só o Espazo Cinema sera exclusivamente presencial xa que a programación dos outros tres escenarios: Foro, Escena e Libro será transmitida a través de tres canles na web cultur.gal. O sábado 28 e o domingo 29 de novembro, máis de 70 propostas culturais de música ao vivo, teatro, libros, arte, ciencia e espectáculos para toda a familia, 12 cámaras, 20 horas de retransmisión en cada canle e un equipo de máis de 60 persoas traballando para levar ás casas o mellor da cultura galega.

Culturgal 2020, co lema “En caso de emerxencia, cultura” está organizada pola asociación do mesmo nome, presidida por Victor López, e da que forman parte AGE (Asociación Galega de Editoras), AGEM (Asociación Galega de Empresas Musicais), Eganet (Empresas Galegas Adicadas á Internet), AGAPI (Asociación Galega de Produtoras Independentes) e Escena Galega. A conversa continuada nos últimos meses coas institucións patrocinadoras da Feira é fundamental nesta edición marcada pola COVID19. A Xunta de Galicia, a través de Agadic, sera un ano máis a patrocinadora principal da Feira; ademais, o apoio fundamental do concello de Pontevedra, da Deputación de Pontevedra e do Ministerio de Cultura e Deporte. 

Culturgal é “insignia cultural” de Galicia, de acordo ao ranking 2019 da Fundación Contemporánea.Sitúase como o proxecto máis destacado no sector cultural galego no informe do Observatorio da Cultura de España.