Destacados

Música ao vivo: conéctate á canle Escena Culturgal 2020

Música ao vivo: conéctate á canle Escena Culturgal 2020

Na Culturgal 2020, a Escena é ben variada pensando en músicas para toda a familia: desde o espírito punk até o ritmo de big band pasando polo jazz e os nomes máis coñecidos do folk, sen esquecer á cativada! Dous días de música ao vivo, sábado 28 e domingo 29 de novembro, no Auditorio do Pazo da Cultura de Pontevedra que chegan a túa casa moi ben empaquetados cun son e realización que te van enganchar. A actriz Diana Sieira encargarase de ir presentándocho. Xa sabes, en caso de emerxencia, música. Unha programación ao vivo que podes seguir na túa casa a través de cultur.gal.

Se es de Pontevedra e queres asistir físicamente, convites limitados AQUÍ.

SABADO 28 NOVEMBRO

12:30.  Big Band Conservatorio Profesional de Música Manuel Quiroga de Pontevedra en concerto. Concello de Pontevedra.

16:30. The Rebel Spirits. Estudo Bonobo. A banda punk-rock xuvenil dá idea da forza da canteira musical na contorna de Pontevedra saída da escola musical do Estudo Bonobo. The Rebel Spirits son Andrea, guitarra, Raisha, baixo, Andrea, guitarra e Soraya, batería.


18:30. Desconfinarnos con Susana Seivane e Cas Berlai

Susana Seivaine : Concertos do desconfinamento. Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021. Xunta de Galicia. Susana Seivane comezou a tocar a gaita no balcón da súa casa durante o confinamento para animar os seus veciños. Gravaba estas actuacións cada día para retransmitilas nas súas redes sociais, ás que se conectaban milleiros de persoas desde distintos puntos do planeta.  

Cas Berlai. Seispés Producións Creativas. Este disco nace no confinamento vivido na casa de Xiao Somoza (Xiao Berlai) . A beleza está nas flores que nacen do cimento, como di a letra da primeira canción de Cas Berlai titulada “Na casa”. Con Xiao Somoza Rodríguez, guitarra e voz, Bruno Couceiro, batería, Pablo Sanmamed, contrabaixo, e Iago Mourinho, piano.


20:30. Luar na Lubre en concerto. Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021. Xunta de Galicia.

Desde 1986 enriba dos escenario, Luar na Lubre traen a Culturgal o seu último traballo Vieiras e vieiros, historias de peregrinos, un álbum que visualiza a pegada artística, cultural e natural do Camiño de Santiago a través das historias dos seus camiñantes. Luar na Lubre son Bieito Romero, gaitas, acordeón e zanfoña  Patxi Bermúdez, bodhran, tambor e djimbek, Nuria Naya, violín, Pedro Valero, guitarra acústica, Xavier Ferreiro, percusións latinas e efectos, Xan Cerqueiro, frautas, Irma Macías, voz, e Brais Maceiras, acordeón.

DOMINGO 29 NOVEMBRO

12:00. Sonárbore para toda a familia: “Ramona Órbita. A dona do tempo” con Pakolas e “Lingua Guapa. Cantos que contan” de Fina Casalderrey.

Ramona Órbita. A dona do tempo. Pakolas. Colección Sonárbore Editorial Galaxia. A xira do segundo libro disco de Pakolas (Paco Cerdeira) en solitario chega a Culturgal con Ramona Órbita e a súa máquina cargada de rock and roll, disposta a percorrer os tempos para aprender a protexer a natureza. Especialmente dirixido a rapazada entre 3 e 5 anos.

Lingua guapa. Cantos que contan. Fina Casalderrey. Colección Sonárbore Editorial Galaxia. Unha das autoras máis recoñecidas da nosa literatura, fálanos dunha lingua moi longa con quilómetros de historia e que leva palabras de azucre que aturuxan na memoria. A música que nos fai viaxar polo mundo é de Nestor Blanco.


16:00. A Central Folque presenta....

Abellón. Xoán Xil e Mauro Sanín cunha actuación performática con zoadeiras e bramadeiras.

O feitizo de Maruja Roca. Con Eutropio Rodríguez comentando imaxes e Nieves Neira que fará unha performance literaria.

Bem vennas maio. Cos músicos Pablo Sanmamed (contrabaixo), Iago Mourinho (piano) e Chus Pazos (bateria) e a colaboración de Alba Cid recitando un texto.

Fuliada na vila con Richi Casás, saxo e voz, e Fran Gª Galán, guitarra eléctrica. Composicións orixinais de Richi Casás e outros arranxos do autor sobre as melodías recollidas por Dorothé Schubarth na Vila da Igrexa en 1980: xotas, muiñeiras, cantos de Nadal...


18:00.  Escalas singulares: Yago Vázquez Trío e DE BOTÓNS

O jazz chega ao escenario musical de Culturgal da man de Yago Vazquez, piano, Xurxo Estevez, baixo, e Chus Pazos, batería. O pianista vigués participou xa en máis dunha ducia de discos e compartiu escenario con músicos como Reggie Workman, Billy Harper, Joe Martin, David Schnitter, Jesse Davis, Gilad Hekselman, Ingrid Jensen ou Brad Shepik. 

DE BOTÓNS. Mialma Producións. Pedro Pascual e Carlos Quintá propoñen un concerto no que interpretan pezas recollidas e arranxadas dentro do cancioneiro DE BOTÓNS, un proxecto editorial ambicioso no que adaptan máis de cen cancións do repertorio popular galego para o acordeón diatónico. Así, escoitaremos en clave actual, desde maneos de Bergantiños a rumbas do Caurel; desde pezas do repertorio de violino de Florencio dos Vilares, a mazurcas dos Irmáns Moreira ou o xenuino repertorio histórico dos Dezas de Moneixas.


20:00. Os d’Abaixo. Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021. Xunta de Galicia

Os d’Abaixo fan 10 anos e ofrecen ao vivo un percorrido polas súas músicas máis destacadas. Apareceron no ano 2010 co obxectivo de promover e animar bailes e festas tradicionais na contorna de Compostela. O seu repertorio recolle algunhas das pezas populares máis coñecidas da música galega xunto con novas achegas de fontes tradicionais ou de nova composición.