Destacados

Últimos días da convocatoria de programación Culturgal 2021: peche 15 setembro

Últimos días da convocatoria de programación Culturgal 2021: peche 15 setembro

O mércores 15 de setembro pecha o prazo de participación na programación da Culturgal 2021, que se celebrará do 26 ao 28 de novembro no Pazo da Cultura de Pontevedra baixo o lema “A cultura que toca”. A convocatoria está aberta a empresas, persoas, asociacións e outras entidades, que poderán presentar proxectos empresariais ou creativos. O sector editorial, a música, as artes escénicas e o cinema, os ámbitos profesional, tecnolóxico e da arte contemporánea; todo eles teñen cabida nunha programación que se desenvolverá en diferentes escenarios. Showcases, conversas e sinaturas de libros, presentación de espectáculos e produtos audiovisuais, obradoiros e encontros, etc, son os diferentes formatos cos que empresas e artistas poden configurar o programa da feira cultural neste 2021. Rexístrate na zona PRO, consulta as bases e envíanos a túa proposta.

O deseño da Feira contará cun espazo Infantil e Familiar, dirixido a espectáculos, contacontos, obradoiros e ciencia, etc., de pequeno e mediano formato; o espazo Libro, de referencia para o encontro entre autoras/es e público con todos os premios, novidades, lanzamentos a curto prazo, conversas e mesas redondas; o Foro, situado na Sala de Exposicións do Pazo, idóneo para presentacións e encontros profesionais, charlas formativas, testeo de produtos e servizos, iniciativas municipais, conversas híbridas e recitais, e que acollerá tamén a programación vinculada á arte contemporánea; o Cinema, coordinado por Agapi, para pre-estreas, cinema e produtos televisivos, proxeccións e encontros ou seminarios ao redor do sector; ademais, Auditorio do Pazo da Cultura acolle en 2021 propostas de artes escénicas e música ao vivo.


O director da Feira, Xosé Aldea, convidaba ao sector cultural, durante o acto de presentación da Culturgal 2021 o pasado xullo, a participar na Feira confeccionando un programa que é “un proxecto colectivo, xa que a programación da Culturgal constrúese con propostas chegadas das empresas, das entidades e institucións, dos creadores e artistas, nun proceso que está aberto até o 15 de setembro”. A dixitalización da Culturgal toma impulso tras unha pasada edición en streaming que serviu de aprendizaxe para a organización que, en 2021, poñerá en marcha a Culturgal TV, unha canle que a xeito de magazine funcionará como “unha tele cultural de fin de semana”. 


A selección de propostas é un traballo de colaboración entre as entidades que forman parte da Asociación Culturgal e o equipo da Feira. Os criterios están recollidos nas bases publicadas en cultur.gal e que dan prioridade a propostas a estrear ou en avance, a produtos e proxectos que impliquen colaboración entre empresas do mesmo sector ou entre empresas de sectores diferentes, que acheguen os procesos creativos ao público, que usen formatos de presentación singulares, que incidan na participación do público ou propostas que vaian dirixidas a profesionais do sector cultural. A reserva de stand na Feira ou a pertenza a algunha das asociacións Culturgal tamén supoñen unha vantaxe.