Destacados

Descarga a memoria Culturgal 2020

Descarga a memoria Culturgal 2020

Xa podes descargar a memoria Culturgal 2020 AQUÍ


A filosofía da Culturgal 2020, que se celebrou do venres 27 ao sábado 29 de novembro baixo o lema "En caso de emerxencia, cultura", foi manter o obxectivo de mostrar ao gran público a actividade cultural de Galicia máis remarcable do ano en curso e do que ven. Desde Pontevedra, tres canles para retransmitir o que aconteceu no escenario (Escena, Foro, Libro) e, tamén fóra del, e un equipo de realización que sumou vinte persoas ao staff da Culturgal. Chegar ás casas durante a última fin de semana de novembro foi a meta que se propuxo o evento nesta edición da pandemia. Agás a sala de cinema, toda a programación foi accesible desde a casa  en cultur.gal. De calquera xeito, para participar presencialmente nalgunha das actividades e tendo en conta os aforos permitidos, foi posible retirar convite en cultur.gal até completar capacidade desde o venres 20 de novembro. 

A 13ª edición da Culturgal estivo protagonizada polas grandes estreas do ano e os nomes de referencia da literatura, música, arte contemporánea, cinema e artes escénicas. Só o Espazo Cinema foi exclusivamente presencial xa que a programación dos outros tres escenarios: Foro (Sala de Exposicións do Pazo da Cultura de Pontevedra), Escena (Auditorio do Pazo da Cultura) e Libro (Teatro Principal Pontevedra), foi transmitida a través de tres canles na web cultur.gal. O sábado 28 e o domingo 29 de novembro, máis de 70 propostas culturais de música ao vivo, teatro, libros, arte, ciencia e espectáculos para toda a familia, 12 cámaras, 20 horas de retransmisión e un equipo de máis de 60 persoas traballando para levar ás casas o mellor da cultura galega.

Tres canles de retransmisión

Desde Culturgal agradeceuse inmesamente aos patrocinadores o seu apoio e implicación nunha Culturgal na que tamén mostraron as súas principais liñas de traballo. A través da web cultur.gal e das canles de youtube, o pùblico puido escoller entre os contidos da Canle Libro, a Canle Foro ou a Canle Escena. Na primeira, Manuel Rivas, Ledicia Costas, Berta Dávila, Antón Patiño, Miguelanxo Prado, Alberto Vázquez, Kiko da Silva, Suso de Toro e moitas máis. A xornalista Esther Estévez, presentadora do espazo Dígocho Eu da TVG, conduciu o Escenario Libro en 2020, retransmitido online desde o Teatro Principal de Pontevedra. Novidades e xéneros, conversas, os premios do ano, e, por suposto, propostas temáticas ao redor das grandes cuestións derivadas da pandemia que preocupan a creadores, empresas, institucións e sociedade, en xeral.


Desde a Sala de Exposicións do Pazo da Cultura de Pontevedra, o Espazo Foro acolleu performance, poesía ou  artes escénicas. Tamén encontros ao redor do galego no ensino, na xustiza ou na televisión. Incluso tempo de ópera e breakdance. O Foro da Culturgal 2020 converteuse nun espazo de representación, reflexión e encontros ao redor da creación artística e dos xeitos de traballar e incidir na cultura galega que ven, nun contexto marcado pola COVID-19. Monica Mura, o CDG, Carlos Varela, Rosalía Fernández Rial, Marta Pérez, Antón Reixa, Aldaolado, Ana Romaní, Vella Escola e moito máis no Foro Culturgal 2020, unha canle conducida pola actriz Iria Sobrado.

Na Culturgal 2020, a Escena, con transmisión ao vivo desde o Auditorio do Pazo da Cultura de Pontevedra, foi ben variada pensando en músicas para toda a familia: desde o espírito punk até o ritmo de big band pasando polo jazz e os nomes máis coñecidos do folk como Luar na Lubre ou Susana Seivane cos seus respectivos espectáculos do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021, sen esquecer os espectáculos para a cativada e as súas familias. Dous días de música ao vivo, sábado 28 e domingo 29 de novembro, que chegaron a casa na busca da excelencia,  cun son e realización envolvente. A actriz Diana Sieira foi a encargada de ir presentándoo.