Destacados

Culturgal ultima todos os detalles da súa 15ª edición durante o verán

Culturgal ultima todos os detalles da súa 15ª edición durante o verán

Empresas, entidades e axentes culturais poderán reservar o seu espazo na Culturgal 2022 a partir do mes de setembro. A organización da Feira, que celebrará a súa 15ª edición do 25 ao 27 de novembro en Pontevedra, traballa durante o verán na renovación do seu modelo e na convocatoria de reserva de stands. Tamén se aproveitan estas semanas estivais para pechar a imaxe gráfica do ano e para os contactos cos patrocinadores. Baixo a dirección da produtora Eva Alonso, a Feira quere potenciar a comunicación e o encontro entre o sector cultural e o público nun evento de utilidade social para ambos. A presentación da imaxe desta décimo quinta edición asi como das súas liñas de actuación está prevista para a primeira quincena de setembro, cando tamén se abrirá a venda do espazo feiral.


Culturgal, un evento único que se celebra anualmente, congregando ao sector cultural e aos seus públicos durante tres días en Pontevedra, renóvase en 2022. Este ano a dirección da Feira prevé sumar un día máis, cunha xornada previa o xoves 24 de novembro, dirixida exclusivamente a profesionais, empresas e asociacións sectoriais.  Un dos obxectivos desta edición é atraer a un maior número de profesionais e servir de cruce de camiños entre sectores para o nacemento de novos proxectos. 


Para o público, Culturgal achegará as novidades editoriais, o último en audiovisual, novas propostas das artes escénicas, espectáculos de música ao vivo, servizos profesionais e outras iniciativas híbridas. Unha oferta de programación contemporánea e representativa da acción cultural no país con avances, estreas e actualidade, asi como constituír un amplo punto de información e compra da produción cultural do ano. A renovación tamén comporta un novo deseño de programación, que concordan nestas últimas semanas dirección e asociacións da Culturgal, co obxectivo de afondar na calidade das propostas e de implicar máis os públicos na actividade da Feira.


Culturgal é un lugar de encontro das  empresas culturais que favorece e promove a cooperación e o apoio mutuo. Un espazo para poñer en contacto a artistas, creadores e compañías con profesionais da xestión cultural, programadores, empresas e institucións.  O sector cultural supón ao redor do 2% do PIB de Galicia e ocupa a unhas trinta mil persoas. Culturgal, como punto de confuencia anual do sector, ten como obxectivo contribuír á profesionalización e mellora da actividade cultural. . 


.Culturgal está organizada pola asociación do mesmo nome, presidida por Víctor López e constituída en 2010. Forman parte de Culturgal as asociacións profesionais máis representativas do sector: Asociación Galega de Editores (AGE), Asociación Galega de Empresas de Artes Escénicas (Escena Galega), Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM), Empresas Galegas Adicadas a Internet e ás Novas Tecnoloxías (Eganet), Asociación Galega de Produtoras Independentes (Agapi). A Feira conta co patrocinio estable da Xunta de Galicia, Concello de Pontevedra, Ministerio de Cultura e Deporte e Deputación de Pontevedra.