Destacados

Culturgal 2022, un festexo para a comunidade dos libros

Culturgal 2022, un festexo para a comunidade dos libros

 

Se nos últimos tempos o sector editorial en Galicia, e nomeadamente as súas autoras e autores, levaron grandes alegrías en forma de recoñecementos e galardóns, Culturgal reúne os nomes protagonistas da creación literaria do país. Premios moi recentes no ámbito estatal como Marilar Aleixandre ou Ismael Ramos estarán nunha Culturgal chea de narrativa, poesía e ensaio, asi como de presentacións de novidades, coloquios, encontros coa comunidade lectora e sinaturas nos stands das editoriais e librarías. Juan Tallón, Berta Dávila, Carlos Callón, Bibiana Candia, Antía Otero, Pepe Cáccamo, María Solar ou Fran P. Lorenzo son algúns dos nomes protagonistas do programa libro, no que tamén atopamos o sábado 26 a homenaxe a Helena Villar Janeiro polos seus “50 anos de poesía e compromiso”. Así é a festa do libro na Culturgal 2022:

Venres 25 novembro

 13:00. Acto inaugural 15ª Culturgal

17:30. Conversa. Enfiando lecturas coa Libraría Paz. Enfiando lecturas é unha actividade de conversa con autoras de narrativa, poesía, ensaio e banda deseñada en colaboración con catro editoriais independentes: Néspera, Chan da Pólvora, Eu seino? e Demo. Con Sica Romero, autora de Avelaíñas eléctricas, Mercedes Martínez Modroño, de A falta dun Edén, a terra,  Inma Otero Varela, autora de O obxecto muller e o xiro ontolóxico, e Ángela Curro, de Baixo o pantano. Conduce Chus G. Dorrego.


18:00. Presentación. Creador@s na Reserva. GÁLIX (Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil). Un libro de textos ilustrados inspirados na zona natural protexida da Reserva da Biosfera As Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo. Con Víctor Rivas, ilustrador, e Xosé A. Perozo, presidente de GÁLIX.

18:30. Poesia. Barroco de Antía Otero. Apiario. A xornalista Susana Pedreira conversará coa autora desta novidade editorial e fiarán varios dos conceptos que conforman o libro. 


19:00. Presentación. As Herbas de San Xoán, de Silvia Domínguez. Patasdepeixe Editora. Presentación do libro coa autora, que contará rituais e aspectos antropolóxicos, e a editora Laura Sáez.
19:30. Xogos. Semente. Presentación de “Baralho as Comarcas Galegas e LoGaliza (jogo online e geografia daGaliza) ”. Con Heitor Picalho, investigador, escritor e ilustrador, Elena Penas, deseñadora gráfica, Montse Barcala, representante de Semente, e Rebeca Martinez e Ugio Caamanho, editores de LoGaliza. 


20:00. Conversa. “Lixeiro e Non penses nun elefante rosa. A xeración millennial na literatura” . Xerais. Con Ismael Ramos, Premio Nacional de Poesía Joven Miguel Hernández por Lixeiro, e Antía Yáñez, autora de Non penses nun elefante rosa. 

20:30. Presentación. A festa equivocada de Fran P. Lorenzo. Rodolfo e Priscila. Conversa do autor co editor Carlos Meixide.

20:50. Literatura e música. A FAIA DE PONTO. Le roi de la Galice. aCentral Folque. Con Alba Cid e Estevo Creus, poetas, e Pablo Castaño, músico. Estrea.Un proxecto editorial e performático premiado no Fondo de Proxectos culturais do Reino de Galicia da Deputación da Coruña 2022. 

Sábado 26 novembro

 11:30. Programación. Presentación da programación cultural. Deputación de Pontevedra. Interveñen Carmela Silva, presidenta da Deputación,  Victoria Alonso, deputada de Cultura, e Paula Cabaleiro, directora da área. Cultura). Ao vivo, Silvia Penas, poesía, Jimena Andión, violonchelo, e Alba Barreiro, harpa clásica. Con lingua de signos.

12:30. Presentación. Chévere 1987-2022, trinta e cinco anos de axitación cultural. Kalandraka Editora. Edítase o libro coa historia completa do grupo Chévere. Unha crónica da vida cultural e escénica en Galicia durante máis de tres décadas e constitúe unha anti-historia cultural da cidade de Santiago de Compostela.Con Miguel de Lira, Patricia de Lorenzo, Xesús Ron, Manuela Rodríguez e Xosé Ballesteros. Con lingua de signos.

13:00. Conversa. “50 anos de poesía e compromiso con Helena Villar Janeiro”. Editorial Galaxia. Conversa da autora con Francisco Castro, director xeral de Galaxia. 

13:30. Premios. “Novos temas na literatura xuvenil: conversa entre as gañadoras dos premios Jules Verne 2021 e 2022”. Xerais. Con Rocío Leira, autora de Cicuta para dous (Premio Jules Verne 2022), e Berta Dávila, autora de Un elefante na sala de estar (Premio Jules Verne 2021). 

14:00. Conversa. “Vixiade as vosas costas”. Editorial Galaxia. Conversa sobre novela negra cos autores Diego Giráldez, autor de O meu sangue, e Javier Fraiz, autor de Morte no espello, coordinados por Marcos Calveiro, director de Edicións de Galaxia. 


17:00.  Premios.” A poesía nos Premios Merlín”. Xerais. Con Anxo Iglesias, autor de Unha nova dimensión (Premio Merlín de Literatura Infantil 2022) e Eduard Velasco, autor de Animalario de ler a diario (finalista en 2021). 

17:30. Presentación. A comuna de Valdonelle de Carlos Neira Suárez. Edicións Fervenza. Libro gañador do Concurso "Balbino" de Relatos.

18:00. Presentación. Belagua Ediciones. Conversa da xornalista Tensi Gesteira coas escritoras Luz Darriba e Isabel Blanco, a ilustradora María Lapido e a editora de Belagua, Edurne Baines, sobre as novidades editoriais O encaixe de Bruxelas, de Luz Darriba, Bambú, de Isabel Blanco, Galegas nas artes, de Isabel Blanco e María Lapido), e O xardín das sete portas, de Concha Castroviejo. 


18:30. Premios. Unha Galaxia de Premios. Editorial Galaxia. Conversa entre Marilar Aleixandre, Premio Nacional de Narrativa por As malas mulleres, Ignacio Vidal Portabales, Premio García Barros 2022 por Illas remotas, e Irene Regal Jul por O libro dos corazóns rotos, con Marcos Calveiro, director de Edicións de Galaxia.


19:00. Presentación. Rewind de Juan Tallón. Kalandraka Editora. Juan Tallón debulla as claves de "Rewind", a edición da súa novela en galego: unha combinación fascinante de ficción e realidade con múltiples voces e unha historia complexa.


19:30. Premios. “Berta Dávila e María Solar, dúas escritoras para dous Premios Xerais”. Con María Solar, autora de A Culpa (Premio Xerais 2022) e Berta Dávila, autora de Os seres queridos (Premio Xerais 2021).  

20:10. Literatura e música. Se falases de min de Antonio García Teijeiro. Editorial Elvira. Conversa co Antonio autor e Xabier Romero. Antonio García Teijeiro recitará algúns dos poemas e Alberto Cunha, ao vivo, tocará algún dos seis temas que musicalizou para o libro. 

20:50. Presentación. Ubik de Philip K. Dick. Boadicea Editora. Philip K. Dick é unha das figuras máis relevantes da ciencia ficción estadounidense, nomeadamente da ficción ciberpunk. Coa tradución de Ubik, situamos no sistema literario galego unha das súas obras magnas.

Domingo 27 novembro

11:30. Premios. Fallo da V edición do Premio María Victoria Moreno de Literatura Xuvenil. Concello de Pontevedra e Cuarto de Inverno. 

12:00. Premios e poesía. Presentación da antoloxía Constelación de voces. 25 anos do premio de Poesía Concello de Carral. Con poetas e representantes do concello e de Edicións Espiral Maior.  

12:20. Premios e poesía. Concello de Carral. Recital de poetas gañadores e gañadoras en certames galegos de poesía. 


13:00. Conversa. “20 anos da catástrofe do Prestige”. Editorial Galaxia. Conversa entre Xosé Manuel Pereiro, autor de Tal como foi, tal como fomos, e Santi Domínguez, autor de Cando choran as Cíes, con Francisco Castro, director xeral de Galaxia. 

13:30. Versos e ilustracións. CRIPTOGRAFÍAS. Alvarellos Editora. Presentación do libro de Pepe Cáccamo e Baldo Ramos, cos autores e o editor Henrique Alvarellos.
14:00. Premios. “Premios literarios que tecen redes: Certames DACCultura". Deputación da Coruña. Con Xurxo Couto, deputado de Cultura, Susana Pedreira, comisaria dos premios literarios da Deputación, e a escritora Andrea Maceiras, como gañadora do Premio Raíña Lupa 21 e como coordinadora do novo club de lectura que naceu este ano para ler LIX sen límite de idade baixo o lema “Non hai idade, hai literatura”.  
17:00. Coleccións. A obra de Neira Vilas adaptada á Lectura Fácil. Xunta de Galicia e Editorial Galaxia. Presentación dos libros da colección Lectura Fácil: Memorias dun neno labrego, de Xosé Neira Vilas adaptado por Lucía Gómez Álvarez, e Espantallo amigo, do mesmo autor, adaptado por Desirée Silva Bernárdez e ilustrado por Xaquín Marín. Con Valentín García Gómez, Secretario Xeral de Política Lingüística, e Marcos Calveiro, director de Edicións de Galaxia.
 

17:30. Coleccións. "Os contos da Moura”. Miudiño S.Coop.Galega. Presentación da colección editorial para público infantil "Os contos da Moura -as ensinanzas da Deusa- co primeiro volume "O desencanto: unha historia de valor e decisión". Con Judit Santos, editora, Rafael Quintía, autor, e Miguel Peralta: ilustrador. 

18:00. Presentación. O povo improvisador de Sechu Sende. Asociación Oral de Galicia. Coa participación do autor.


18:30. Presentación. AUTOBIOGRAFÍA CUANTIFICADA ou qué difícil é ser María Meijide. Tulipa Editorial. Con María Meijide, Isabel Patiño e Carlos Cartoné.

19:00. Faladoiro. «Desamarmos o capitalismo. O amor como acción política». Catro Ventos Editora.  Como se traduce unha obra ex_énero? Lann Hornscheidt analiza nesta obra como o acto de amar está influido socialmente e como o capitalismo, entre outras cousas, restrinxe o amor á esfera privada. Con Patricia Buxán, editora, e María Reimóndez, autora da tradución e prologuista da obra. 


19:40. Presentación. Azucre de Bibiana Candia. Kalandraka Editora. Bibiana Candia comparte as claves de Azucre, a edición en galego da súa exitosa novela: unha viaxe, baseada en feitos reais, que recupera un período escuro da nosa historia e que se suma á colección Kalandraka+. Coa autora e o ilustrador Xosé Cobas.