Destacados

Culturgal 2021 convida ao público a descubrir todo o talento da cultura galega

Culturgal  2021 convida ao público a descubrir todo o talento da cultura galega

Xa está a disposición do público toda a programación de Culturgal 2021. Esta mañá do venres 19 de novembro, en rolda de prensa, a organización da Feira  explicaba os obxectivos, liñas xerais e accións destacadas dentro desta décimo cuarta edición de Culturgal, que se celebra do 26 ao 28 de novembro no Pazo da Cultura de Pontevedra. Unha Culturgal “para reencontrarnos”, en palabras dos seus promotores, na que cada vez adquiren maior protagonismo aquelas propostas culturais que encaran o futuro en torno á accesibilidade, igualdade, inclusión e sustentabilidade. Xunto a Víctor López, presidente de Culturgal e Xosé Aldea, director da Feira, participaron na presentación Victoria Alonso, deputada de Cultura da Deputación de Pontevedra, Jacobo Sutil, director da AGADIC da Xunta de Galicia, e Carme Fouces, concelleira de Cultura do Concello de Pontevedra. Todo o programa está dispoñible en cultur.gal, o mesmo que as entradas anticipadas para a Feira, a prezos populares.

Víctor López, presidente da Culturgal, insistiu na palabra reencontro e recuperación á hora de presentar esta décimo cuarta edición da Feira. “A reserva completa do espazo feiral, a afluencia de propostas que chegaron para construir a programación, o ritmo de venda das entradas da feira, etc, fannos pensar que hai moitas ganas de Culturgal. Así o comentabamos a semana pasada en Madrid, convidados polo Ministerio de Cultura, que tivo a ben considerarnos un dos tres mellores proxectos de promoción cultural de todo o Estado. Ali falabamos de ser unha ferramenta útil para o mundo da cultura”, sinalou. O presidente de Culturgal despediu a súa intervención animando o público a que “indague no programa, que vai ver que reserva moitas propostas rupturistas, inesperadas, innovadoras, propostas que nos conectan con público de gustos e idades diversas, sempre coa ollada posta nas novas audiencias. Sen esquecer, por suposto, os clásicos da Cultural, como é ser un paraiso anual para os amantes do libro e da lectura”.

Cento dezanove stands, máis de oitenta empresas con presenza física e un programa de cen actividades vinculadas ao mundo do libro, da música, do cinema, das artes escénicas, da infancia e dos profesionais. Tal como explicou Xosé Aldea, director da Feira, ésta presenta algún cambio formal neste 2021 como o que experimenta a primeira xornada, o venres 26 de novembro. “Nun ano tan complicado coma este e atendendo á nosa vontade de ser útiles, habilitamos esta xornada para montaxe de stands, para que as empresas non se visen tan apuradas como outros anos para ter todo montado a primeira hora do venres. Asi que non se poderá acceder ao recinto feiral o venres, pero teremos programación no Espazo Foro da Feira, ao redor dos grandes temas do sector e das preocupacións xordidas tras a pandemia, non só destinados ao público profesional senón a toda aquela persona interesada, con entrada gratuíta”, comentou.

Sábado 27 e domingo 28 a Feira abre todos os seus espazos desde as once da mañá ás nove da noite. A programación espállase por todo o Pazo da Cultura en diferentes escenarios: Foro, Libro, Infantil, Cinema e Auditorio, este último para teatro e música ao vivo. “O programa é amplísimo e de novo volve a concentrar as iniciativas máis novidosas e punteiras en cada sector. O sector editorial, talismán da Feira, volver a traernos a Pontevedra os grandes nomes da literatura como Manuel Rivas, Ledicia Costas ou o Colectivo Rompente. Haberá música ao vivo a través de diferentes showcases e co espectáculo especial de Tanxugueiras, o domingo 28, que despiden xira en Culturgal con todas as entradas vendidas desde hai semanas. As artes escénicas chegan á Feira a través de diferentes propostas da man de Escena Galega, da función de Elefante Elegante con Dreaming Juliet o domingo 28 no Teatro Principal ou coa presentación da xira teatral de Fariña para 2022”, comentou Aldea. Como é marca da Culturgal, o público infantil e familiar terá moito que escoller durante o sábado 27 e o domingo 28 con propostas como a do CSIC Galicia de “Ciencia á Feira” ou a exposición de autómatas Kinétiko.

Culturgal lanza nesta edición a Culturgal TV, unha tele cultural de fin de semana que, ademais de transmitir unha selección das actividades que terán lugar ao vivo en Pontevedra, incluirá produtos audiovisuais, entrevistas e reportaxes cos protagonistas da Feira. “Queremos chegar á xente que non pode vir, como é a ampla comunidade galega no exterior que está respondendo moi positivamente ao proxecto enviándonos videos e felicitacións”, apunto Xosé Aldea.

Dinamización do sector e optimismo

Victoria Alonso, deputada de Cultura da Deputación de Pontevedra, sinalou a importancia de Culturgal en base ao seu carácter de dinamizadora do sector cultural nun momento complexo como o actual. A Deputación de Pontevedra presentará na Feira programas como Violencia Zero ou a marca Rias Baixas Film Fest. Para o director da Agadic, Jacobo Sutil, a unión de sectores baixo a marca Culturgal imprime o carácter do evento no que a Xunta de Galicia participa no programa con trece actividades ademais de con stand no recinto feiral. “Haberá actividades ao redor do Bono Cultura, que xa se esgotou o primeiro día que se puxo en marcha, do sector dos videoxogos, con proxectos interesantísimos que nos conectan coa cultura que vai vir, ou co audiovisual coa presentación de Rapa, un proxecto que responde a unha liña de traballo que emprendemos para a atracción de rodaxes en Galicia”, sinalou Sutil, que quixo rematar a súa intervención cunha “pincelada de optimismo de cara á recuperación do consumo cultural”. Carme Fouces, concelleira de Cultura de Pontevedra, amosou a súa satisfacción porque o concello sexa de novo máis sede “do máis talentoso da cultura galega, nunha cidade coma esta, co selo cultural como prioridade”.

Culturgal celébrase en 2021 co lema “A cultura que toca” e conta co apoio da Xunta de Galicia a través de Agadic, do Concello de Pontevedra, da Deputación de Pontevedra, do Ministerio de Cultura e Deporte e da Deputación da Coruña. A Feira está organizada pola Asociación Culturgal da que son parte Escena Galega, Agapi, Asociación Galega de Editoras, AGEM e Eganet. Acto inaugural Feira: venres 26 de novembro, 13:00.