Destacados

Culturgal 2021 convida á cidadanía a festexar a última fin de semana de novembro con música, libros, arte, teatro e cinema en Pontevedra

Culturgal 2021 convida á cidadanía a festexar a última fin de semana de novembro con música, libros, arte, teatro e cinema en Pontevedra


Cultural abre as súas portas o venres 26 de novembro con programación especial no Espazo Foro pola tarde ao redor de temas como a sustentabilidade, igualdade e accesibilidade na cultura. A entrada é gratuíta nunha xornada especial na que o recinto feiral ainda permanece pechado ao público pola montaxe en marcha. Máis de cen empresas e entidades con stands agardan que 27 e 28 de novembro centos de persoas se acheguen a visitar a feira e, ademais, a mercar cultura. Esta mañá o acto inaugural reunía ao alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, ao conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, e á presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva. Venres 26, de cinco a nove no Espazo Foro, e sábado 27 e domingo 28, espallado por todo o Pazo da Cultura, Culturgal 2021 está en marcha.


"Queremos reencontrarnos e queremos converter esta fin de semana Culturgal nese punto no que conflúen moito traballo, presentacións de novos proxectos, avance do vindeiro ano, acordos e alianzas, ocio e diversión tamén para o gran público. Como sector, Culturgal artella un espazo no que atopármonos, como empresas e profesionais do mesmo, no que obter contacto directo con aqueles axentes e entidades interesantes para a actividade que desenvolvemos, no que asentar os elementos que nos unen como sector dentro da diversidade, formarnos e aprender", sinalou na súa benvida o presidente de Culturgal, Víctor López.


“As administracións públicas teñen a obriga de promover, potenciar e investir na cultura porque non hai sociedade avanzada sen unha cultura potente e forte. A cultura permítenos construírnos”, apuntou Carmela Silva., que lembrou que hai seis anos  o daquela  responsable de Cultura na institución provincial, Xosé Leal, reivindicaba que Culturgal tiña que estar en Pontevedra. “Agora temos a confirmación de que Culturgal está asentado en Pontevedra. Este é o seu sitio”, afirmou Silva. 


O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez resaltou a capacidade da cultura “de aunar esforzos e isto demóstrase en que nun proxecto coma este institucións distintas conflúan”. Malia a preocupación pola situación sanitaria, o conselleiro quixo destacar a rápida recuperación do sector cultural, especialmente no sector do libro e no aumento do número de profesionais no sector. “Culturgal é a principal plataforma de presentación de toda esta cultura, con máis de 100 stands con oferta cultural de primeirísimo nivel para Galicia e a Península”, remarcou.
A última intervención institucional foi a do alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, que celebrou a recuperación da presencialidade na Culturgal e a aposta conxunta das diferentes administracións neste evento. “Un estudo da Universidade de Vigo, campus de Pontevedra, que imos presentar precisamente en Culturgal sinala que a cultura é o segundo sector do concello que máis emprego xenera”, comentou para engadir que a pandemia puxo de manifesto a necesidade que temos da cultura como salvavidas.


Toda a programación de Culturgal 2021 en cultur.gal. As entradas poden adquirirse previamente na páxina cultur.gal e enterticket.es e tamén no propio Pazo da Cultura. A entrada dá direito a toda a programación excepto o concerto de Tanxugueiras do domingo 28, xa esgotado. O horario de sábado 27 e domingo 28 é de 11 a 21h.