Que é Culturgal?

A cita anual da cultura galega celebra a súa 15ª edición en 2022, do 24 ao 27 de novembro no Pazo da Cultura de Pontevedra. Culturgal é unha Feira para empresas, profesionais e institucións. Un lugar de encontro das  empresas culturais que favorece e promove a cooperación e o apoio mutuo. Un espazo para poñer en contacto a artistas, creadores e compañías con profesionais da xestión cultural, programadores, empresas e institucións. Os expositores da Culturgal son o corazón e o motor da Feira.

A Feira renóvase en 2022. O seu quince aniversario celébrase cun novo modelo no horizonte no que a utilidade social da Feira para o sector cultural e para o público require potenciala como nó de comunicación e encontro entre ambos. Son quince anos cos  fíos da cultura, construíndo un espazo útil que sirva para trazar novos camiños intersectoriais e, por suposto, para a produción de novos proxectos. Tras a pandemia, esta é unha edición na que o evento xa non está condicionado polas medidas sanitarias que marcaron os últimos dous anos. E ese é, tamén, un motivo de festexo.

Asociación Culturgal

Culturgal está organizada pola asociación do mesmo nome, presidida por Víctor López e constituída en 2010 para dar continuidade e estabilidade a unha feira que arrancara de maneira exitosa en 2007. Forman parte de Culturgal as asociacións profesionais máis representativas do sector: Asociación Galega de Editores (AGE), Asociación Galega de Empresas de Artes Escénicas (Escena Galega), Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM), Empresas Galegas Adicadas a Internet e ás Novas Tecnoloxías (Eganet), Asociación Galega de Produtoras Independentes (Agapi). 

 

A cita con culturgal 2022

Culturgal, un evento único que se celebra anualmente reunindo ao sector cultural e aos seus públicos en Pontevedra, renóvase en 2022. Este ano a Feira celebra o seu quince aniversario e suma un día máis, cunha xornada previa o xoves 24 de novembro, dirixida exclusivamente a profesionais, empresas e asociacións sectoriais. Un dos obxectivos desta edición é atraer a un maior número de profesionais e servir de cruce de camiños entre sectores para o nacemento de novos proxectos.

Para o público xeral, Culturgal achegará nos diferentes escenarios do Pazo da Cultura de Pontevedra as novidades editoriais, o último en audiovisual, novas propostas das artes escénicas, espectáculos de música ao vivo, servizos profesionais e outras iniciativas híbridas e vinculadas ao mundo da arte. Unha oferta de programación contemporánea e representativa da acción cultural no país con avances, estreas e actualidade, asi como un amplo punto de información e compra da produción cultural do ano. A renovación tamén comporta un novo deseño de programación co obxectivo de afondar na calidade das propostas, de implicar máis os públicos na actividade da Feira e de construír un evento máis cómodo e satisfactorio.