Novas

Unha Feira máis cómoda e satisfactoria para o público

23 Novembro 2018
Unha Feira máis cómoda e satisfactoria para o público

Unha Feira máis fresca e innovadora pensada para un público amplo. A 11ª Culturgal, que se celebra do 30 de novembro ao 2 de decembro, presentou o seu programa completo o venres 23 no Pazo da Cultura de Pontevedra con presenza dos seus patrocinadores. Concertos especiais como o de Carlos Núñez o sábado 1, preestreas como a de Inversa Teatro o venres 30, espectáculos especiais para público familiar, a confluencia dos principais escritores e escritoras de Galicia en contacto directo co público e a consolidación da programación de arte contemporánea, algúns dos pratos fortes. E algunha inovacións dirixidas ao público como a posibilidade de achegarse en autobús desde Ourense, Lugo, Ferrol, A Coruña e Santiago de Compostela ou o cambio de modelo gastronómico na Feira con máis variedade, local e ecolóxica.

Xosé Aldea, director da Feira, resaltou o atractivo da proposta de Culturgal 2018 ao redor do libro, coa participación dos grandes nomes da escrita en Galicia. Manolo Rivas (si, o sábado 1 co seu Vivir sen permiso e outras historias de Oeste), Ledicia Costas, Pedro Feijoo, Eli Ríos, María Reimóndez, Xose Duncan, Francisco Castro, Yolanda Castaño, Manuel Esteban ou Iolanda Zúñiga pasarán por Culturgal para presentarlle ao públicos as súas últimas obras. Serán días de lanzamento dos premios do ano: os Xerais con Emma Pedreira, Héctor Cajaraville e Carlos Negro, o Repsol con Antón Lopo e o García Barros con Ana Cabaleiro (publicados ambos por Galaxia), os premios Torrente Ballester e Raiña Lupa promovidos pola Deputación da Coruña, os premios Fina Casalderrey de literatura infantil pola igualdade e Meiga Moira, con Baía Edicións ou o I Premio Maria Victoria Moreno de literatura xuvenil promovido por Urco.

Tamén recalcou a Aldea que a xornada inaugural de Culturgal é un polo de atracción para os profesionais do sector do país. As xornadas profesionais de Escena Galega, a convocatoria de proxectos do Xacobeo 2021, o balance de resultados de Fest Galicia, asembleas de Agapi e Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural ou a presentación de servizos tecnolóxicos para festivais por parte da empresa Play Plan. A edición 2018 é espello ademais da intensa e interesante produción cultural liderada por mulleres.

Unha xornada, a do venres 30 de novembro, que remata coa preestrea de Sofía e as Postsocráticas, de Inversa Teatro (21:30), unha peza ao redor da filosofía e da violencia machista. Será o primeiro dos catro espectáculos especiais (con prezo de entrada aparte da da Feira) desta 11ª Culturgal. O sábado 1 é a quenda de Carlos Núñez, que pecha a xornada no Auditorio do Pazo da Cultura (21:30) coa súa xira A irmandade das estrelas e o domingo 2 dous espectáculos dirixidos a público familiar e infantil, tamén no Auditorio: ás 12h O VIRAVAI con Paio e o poder da música e ás 18h, Xoán Curiel e A Banda do Verán con A Casa do Terror.

En 2018 por vez primeira Culturgal pon a disposición do público a venda anticipada de entradas en www.cultur.gal así como a posibilidade de achegarse á Feira en autobús desde Ourense, Lugo, Ferrol, A Coruña e Santiago de Compostela. Tamén cambia o concepto gastronómico da Feira, imitando o modelo posto en marcha nos festivais de música, con máis restaurantes e posto que ofrezan unha ampla variedade de opcións durante todo o horario da Feira.

Os patrocinios da Culturgal

Un proxecto coma esta Feira precisa de alianzas, acordos e patrocinios, tal como reseñou Victor López, presidente en funcións da Asociación Culturgal. Na presentación estivo acompañado de Jacobo Sutil, director da Agadic, Carmen Fouces, concelleira de Cultura de Pontevedra, e Xosé Leal, responsable de Cultura na Deputación de Pontevedra. En 2018, a Feira conta coa colaboración especial da Deputación da Coruña e co apoio na programación infantil de Deleite Galego.

A concelleira Carmen Fouces utilizou un símil: a Culturgal como o “black friday” da cultura galega, un espazo que a xente debería aproveitar para facer o seu consumo e os presentes de Nadal. Xosé Leal remarcou as actividades relacionadas con música e arte contemporánea promovidas desde a Deputación de Pontevedra na Feira, con destaque para a presenza do Museo de Pontevedra. “Un dos puntos claves de Culturgal son as sinerxias que se crean entre o sector de base, a administración, os profesionais e empresas, e o publico. Non só se fai negocio, senón país”, apuntou.

O director da Agadic Jacobo Sutil destacou o importante programa de actividades que a Xunta de Galicia desprega en Culturgal, actividades que reflicten e representan as liñas de traballo cultural dos diferentes departamentos e entidades da Administración autonómica. Agadic aumentou en 2018 a súa aportación a Culturgal en dez mil euros. Victor López, presidente de Culturgal, agradeceu ás cinco asociacións que forman parte da Feira o seu papel e a súa aposta polo evento: Escena Galega, AGAPI, Asociación Galega de Editorias, AGEM (Asociación Galega de Empresas Musicais) e EGANET (Asociación de Empresas adicadas á tecnoloxía), da que el mesmo é representante.