Novas

Presentación da programación completa Culturgal 2022: a Feira número 15

18 Novembro 2022

15 anos cos fíos da Cultura. Ese é o lema escollido por Culturgal para celebrar a súa décimo quinta edición no Pazo da Cultura de Pontevedra dos días 24 ao 27 de novembro. En 2022 a programación dirixida a profesionais adquire un corpo destacado cun panel de 30 actividades nas que están implicadas boa parte das asociacións sectoriais e profesionais que operan na cultura galega. Ser de utilidade para as persoas e entidades que traballan en xestión cultural, é unha das apostas desta edición especial. Na mañá do 18 de novembro presentouse aos medios a programación completa nun acto no que participaron Eva Alonso, directora da Culturgal, Victoria Alonso, directora de Cultura na Deputación de Pontevedra, Anxo Lorenzo, secretario xeral de Políticas Culturais da Xunta de Galicia e Carme Fouces, concelleira de Cultura de Pontevedra. Non estivo representada neste acto a Deputación da Coruña, que colabora coa Feira e terá stand propio no recinto feiral de Pontevedra. A directora da Culturgal tivo un agradecemento especial para todas aquelas empresas que, un ano máis, confían na Feira reservando o seu stand.


Un dos retos que se formulou a directora da Culturgal, Eva Alonso, para a programación da Feira 2022: mellorar e afondar máis naquela oferta dirixida a entidades e profesionais. Esta programación terá un espazo físico propio no recinto feiral, no que durante a fin de semana celebraranse faladoiros, mesas redondas, obradoiros, sesións formativas, foros e presentacións de informes. O xoves 24, aínda que restrinxida a profesionais con convite, arranca este programa coa xornada profesional de Promoción Escénica e Musical de Galicia, que organizan Escena Galega e AGEM coa colaboración da Xunta de Galicia. Venres 25, sábado 26 e domingo 27 o Espazo Profesional será un continuo de encontros para empresas e profesionais. No programa atopamos propostas da Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural, Asociación de Actores e Actrices de Galicia, Consello da Cultura Galega,  Asociación de Directores de Escena de España,  A Colectiva,   Asociación Galega de Profesionais da Tradución e da Interpretación, Academia Galega do Audiovisual, Música no Claustro e a Xunta de Galicia a través de Agadic. A organización da Culturgal convida a todas as persoas interesadas a preinscribirse previamente nas actividades na web cultur.gal.  O Espazo Profesional tamén será o escenario do acto de celebración do 15 aniversario da Feira, o domingo a mediodía.


Destacou na rolda de prensa Anxo Lorenzo, secretario xeral de Políticas Culturais da Xunta de Galicia, ese “reforzo profesional” da Feira. “Sen dúbida esta ten que ser a vocación da Culturgal, para que profesionais e entidades coñezan propostas de produción, distribución, etc alén de que siga sendo o gran escaparate da cultura galega para o público xeral”, comentou. A deputada de Cultura, Victoria Alonso, animou a toda a poboación a acudir a esta Culturgal e explicou que o stand da Deputación de Pontevedra será un paraugas para as propostas culturais dos concellos da provincia. No stand do Concello de Pontevedra, tal como apuntou Carme Fouces, mostraranse os proxectos culturais máis destacados da cidade e animarase ao público a participar no “banco de voces en galego” destinado aos aparellos electrónicos. “Xa temos ganas de atoparnos na Feira. A canta xente dicimos a ver se nos vemos na Culturgal porque ten esa capacidade de xuntarnos ao redor da cultura”. 


O libro na Culturgal, festa

 
Se nos últimos tempos o sector editorial en Galicia, e nomeadamente as súas autoras e autores, levaron grandes alegrías en forma de recoñecementos e galardóns, Culturgal reúne os nomes protagonistas da creación literaria do país. Premios moi recentes no ámbito estatal como Marilar Aleixandre ou Ismael Ramos estarán nunha Culturgal chea de narrativa, poesía e ensaio, asi como de presentacións de novidades, coloquios, encontros coa comunidade lectora e sinaturas nos stands das editoriais e librarías. Juan Tallón, Berta Dávila, Carlos Callón, Bibiana Candia, Antía Otero, Pepe Cáccamo, María Solar ou Fran P. Lorenzo son algúns dos nomes protagonistas do programa libro, no que tamén atopamos o sábado 26 a homenaxe a Helena Villar Janeiro polos seus “50 anos de poesía e compromiso”.


Espazo arte: sorprender ao público


Artistas, galerías e público daranse cita na Culturgal no Espazo Arte, instalado na Sala de Exposicións do Pazo da Cultura. Coa idea de sorprender e ofrecer os visitantes unha experiencia ao vivo na que se mistura a palabra a través da improvisación teatral, o circo a través do traballo de funambulismo, a danza contemporánea, a intervención espacial e o público que participa na peza, formúlase Multiperspectivas#2 de Paula Quintas, con dous pases na mañá do domingo, para todos os públicos. Ademais de obradoiros creativos -moi orientados á participación do público familiar-  de libros de cartón, de collage, de autorretratos, de construción con refugallo ou, incluso, de cambio climático, o Espazo Arte acolle interesantes propostas de dous dos patrocinadores institucionais da Feira. A  Xunta de Galicia con propostas do CGAC e do Museo Centro Gaiás e a Deputación de Pontevedra co seu programa de performances #ViolenciaZero enriquecen o apartado arte desta 15ª Culturgal.


Durante toda a Feira poderá visitarse a exposición Continuo de Alberto Pena, comisariada por Elena Bangueses e que trae ao Espazo Arte unha instalación pictórica que cobre practicamente a totalidade da parede exposiitiva. “Unha escala sublime”, en palabras da comisaria, que deixa ver as pulsións creativas do artista ao redor da natureza.

Familias participativas

 
Ao longo das quince edicións da Culturgal, o público familiar e infantil converteuse nun dos máis fieis protagonistas da Feira. Na tarde do venres 25 arrancará a proposta dirixida a este público que comprende máis de trinta actividades. Co obxectivo de promover unha maior participación, a organización da Feira inclúe un bo feixe de obradoiros para nenas e nenos, que estarán moi activos e ocupados no Pazo da Cultura de Pontevedra. As prazas nos obradoiros son limitadas e as familias terán que inscribirse na área de recepción da Feira. Non se esquece Culturgal dos videoxogos, que terán moito protagonismo na mañá do sábado 26 de novembro nin da música para a audiencia máis noviña con propostas como a de Magín Blanco ou co Quero Cantar da Deputación da Coruña.
E atención no programa para aquelas familias que gozan do teatro, porque no Auditorio do Pazo da Cultura de Pontevedra xa o venres 25 de tarde Baobab Teatro trae a Culturgal a súa peza “O lobo e a lúa”, unha proposta de monicreques dirixida a público a partir de dous anos, e o domingo ás 12:30  Elefante Elegante representa “CUBO”. Ambas propostas teatrais infantís proceden do Fondo Xacobeo de Proxectos Culturais 21-22 e teñen acceso libre coa entrada xeral da Feira.


Cinema saído do forno


A programación de cinema da Culturgal é unha proposta de AGAPI na que se recollen un conxunto de títulos destacados na produción audivisual galega do ano. Algúns deles xa teñen percorrido feito, outros chegan a Culturgal antes de introducirse nas salas de cinema. Este é o caso do filme de Ángeles Huerta “O corpo aberto”, que tras pasar por certames como a Seminci, chega a Culturgal o venres 25 antes de entrar no circuito comercial. Unha oportunidade do público para ver o filme e poder conversar co seu equipo, con actores como Tamar Novas e Federico Pérez.
O cinema continuará todo o fin de semana con diferentes xéneros e propostas para todas as idades: “Valentina” de Chelo Loureiro, “Unicorn Wars”, de Alberto Vázquez, “Eles transportan a morte” de Samuel L. Delgado e Helena Girón, “A virxe roxa” de Marcos Nine,  “Welcome to ma maison” de Andrés Goteira e “O gran Camiño”, de Alba Prol e Raúl García, completan a carteleira de cinema da Culturgal 2022. O acceso ás películas está incluído na entrada xeral da Feira.

As noites Culturgal son talento


Os espectáculos especiais da Culturgal 2022 teñen lugar nas noites do venres 25 e sábado 26, ao redor do talento actual no mundo do baile e da música. Culturgal danza no seu décimo quinto aniversario. Faino o venres 25 de novembro cun espectáculo dobre que pon ao límite a linguaxe corporal. Nova Galega de Danza, compañía de referencia na danza galega do século vinte e un, trae á Feira “Credo”, peza na que bota man da poesía de Celso Emilio Ferreiro para acompañar o camiño vital do ser humano. Ademais, o porriñés Daniel Rodríguez presenta na Culturgal “A raiz de”, proxecto premiado en SóLODOS En Danza Ourense 2022.  


O sábado 26, tamén pola noite, Culturgal vai de festival. Catro propostas rebordantes de enerxía e talento, ao vivo no escenario do Pazo da Cultura de Pontevedra o 26 de novembro para celebrar os 15 anos da Culturgal. Antía Muíño, Néboa, Berto e Grande Amore toman a Feira como un furacán pechando un ano que, sen dúbida, é o seu ano. Electrónica, pop, tradi. A diversidade da música galega de hoxe nunha sesión única e singular que se denomina #CulturgalSon15. Unha proposta de AGEM (Asociación Galega de Empresas Musicais) para a 15ª Culturgal. As entradas para ambos espectáculos poden adquirirse en cultur.gal a un prezo final de 8 euros, que inclúe, ademais, a visita a Feira.


Culturgal 2022 contará con servizo de cafetería, área gastronómica e servizo de lingua de signos que se pode solicitar en info@culturgal.com. 

Culturgal é un modelo de colaboración público-privada e conta co patrocinio institucional estable da Xunta de Galicia, Concello de Pontevedra e Deputación de Pontevedra. En 2022 a Feira conta ademais coa colaboración da Deputación da Coruña a través da súa área de Cultura.

Presentación da programación completa Culturgal 2022: a Feira número 15

A cita con culturgal 2022

Culturgal, un evento único que se celebra anualmente reunindo ao sector cultural e aos seus públicos en Pontevedra, renóvase en 2022. Este ano a Feira celebra o seu quince aniversario e suma un día máis, cunha xornada previa o xoves 24 de novembro, dirixida exclusivamente a profesionais, empresas e asociacións sectoriais. Un dos obxectivos desta edición é atraer a un maior número de profesionais e servir de cruce de camiños entre sectores para o nacemento de novos proxectos.

Para o público xeral, Culturgal achegará nos diferentes escenarios do Pazo da Cultura de Pontevedra as novidades editoriais, o último en audiovisual, novas propostas das artes escénicas, espectáculos de música ao vivo, servizos profesionais e outras iniciativas híbridas e vinculadas ao mundo da arte. Unha oferta de programación contemporánea e representativa da acción cultural no país con avances, estreas e actualidade, asi como un amplo punto de información e compra da produción cultural do ano. A renovación tamén comporta un novo deseño de programación co obxectivo de afondar na calidade das propostas, de implicar máis os públicos na actividade da Feira e de construír un evento máis cómodo e satisfactorio.