Poñemos a vosa disposición a MEMORIA CULTURGAL 2018, con información sobre expositores, programación e servizos da Feira durante a súa 11ª edición baixo o lema “Ti levas o compás”. Valoracións, programación por días e espazos, planos e relación de expositores, repercusión nos medios e nas redes, deseño e imaxe gráfica, patrocinadores e colaboradores, etc. A memoria da Culturgal 2018 en 60 páxinas nas que atoparás ademais un amplo álbum fotográfico.
Culturgal entrou nunha nova década na súa idade, 11 anos, e fíxoo cunha excelente resposta do público de toda Galicia. O domingo 2 ás oito da tarde pechaba as súas portas a Feira das Industrias Culturais no Pazo da Cultura de Pontevedra cun balance moi positivo dos tres días tanto na cantidade de visitas como na calidade da programación proposta. Ao redor de catorce mil cincocentas persoas entraron no Pazo da Cultura de Pontevedra a gozas dunha programación que, entre actividades da Feira e actividades dos stands sumou case duascentas propostas. En 2019, máis Culturgal do 29 de novembro ao 1 de decembro.
Curtas para público infantil e familiar, dúas das longas con máis percorrido do cinema galego dos últimos tempos, videopoesía, e dous documentais: un ao redor do wolframio e outro ao redor das mulleres do textil. O cine de Culturgal 2018 ten oferta para todos os gustos. Pasen e vexan! Todo no Salón de Actos do Pazo da Cultura de Pontevedra, sen custo adicional sobre a entrada xeral da Feira. Programación coordinada por AGAPI.
A arte contemporánea chegou a Culturgal para ficar. Por segundo ano consecutivo, Culturgal presenta o Espazo AC, que en 2018 conta con 16 expositores e un programa de presentacións, obradoiros e accións en directo, pensado para que o público da Feira se achegue ao mundo da arte. Entre os stands, o Museo de Pontevedra, o Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) e a Bienal de Arte de Cerveira; xunto a eles, unha variedade de galerías e proxectos artísticos nos máis de mil metros cadrados que este espazo suma a Culturgal desde o pasado ano. E, no recinto feiral, ollo ao stand da EASD Pablo Picasso, a escola de ensinanzas artísticas da Coruña.
Mentres preparamos todo o plano detallado para a web, aquí podes consultar a relación de expositores de Culturgal 2018, do 30 de novembro ao 2 de decembro no Pazo da Cultura de Pontevedra