Novas

Culturgal, seleccionado como un dos tres mellores proxectos de acción e promoción cultural do Estado

10 Novembro 2021
Culturgal, seleccionado como un dos tres mellores proxectos de acción e promoción cultural do Estado

A Dirección Xeral de Industrias Culturais, Propiedade Intelectual e Cooperación, dependente do Ministerio de Cultura e dirixida por Adriana Moscoso, recoñece o vindeiro xoves 11 de novembro os tres proxectos seleccionados como os gañadores o pasado ano na liña de axuda á Acción e Promoción Cultural. Entre eles, atópase Culturgal, a Feira que desenvolve a súa décimo cuarta edición do 26 ao 28 de novembro de 2021 no Pazo  da Cultura de Pontevedra. A capacitación no mundo da animación -investigación levada a cabo pola Federación Española de Asociaciones de Productoras de Animación-, e  as Xornadas Internacionais de Patrimonio Industrial, celebradas en Xixón, comparten con Culturgal a escolla ministerial. O auditorio do Espacio Fundación Telefónica de Madrid acolle o día 11 unha xornada de presentación dos proxectos na que participarán en representación de Culturgal, o seu presidente Víctor López.


Tamén se presentan ese mesmo día os tres proxectos seleccionados na liña de “Modernización e innovación das Industrias Culturais e Creativas’:  Music Live Stream, Exquare: Centro Expositivo Experimental M3, e Summer Camp. O acto estará conducido por Helena Díez Fuentes e nel intervirán a directora xeral da Fundación Telefónica, Carmen Morenés, e a directora xeral de Industrias Culturais, Propiedade Intelectual e Cooperación, Adriana Moscoso. De Culturgal, destacan desde o Ministerio de Cultura que “non é unha feira ao uso. A actividade profesional compleméntase cunha extensa programación cultural e o recinto de postos de venda e exposición convértese nun escaparate privilexiado no que a sociedade galega pode coñecer directamente as últimas novidades editoriais, musicais, escénicas,audiovisuais, deseño e arte contemporánea, etc”. O galardón recoñece o traballo realizado en 2020 para adaptar a programación de Culturgal á situación de crise sanitaria. A xornada do día 11 pode seguirse vía streaming na web espacio.fundaciontelefonica.com co hashtag #MejoresProyectosICC2020.

Culturgal celébrase en 2021 co lema “A cultura que toca” e está organizada pola asociación do mesmo nome da que forman parte Escena Galega, Agapi, Asociación Galega de Editoras, AGEM e Eganet. Conta co apoio da Xunta de Galicia a través de Agadic, do Concello de Pontevedra, da Deputación de Pontevedra, do Ministerio de Cultura e Deporte e da Deputación da Coruña. A organización ven de anunciar o peche da venda de espazo feiral tras esgotarse os stands dispoñibles e comezará a difundir a programación 2021 a partir desta mesma semana.


Programa #MejoresProyectosICC2020 11/11/2021  Dirección General de Industrias Culturales y Creativas, Espacio Fundación Telefónica, Madrid


10:00h: Presentación. Helena Díez-Fuentes. Camen Morenés Giles.Directora xeral de Fundación Telefónica.Adriana Moscoso. Directora xeral de Industrias Culturais, Propiedade Intelectual e Cooperación.

10:05h. Mellores proxectos das axudas para a modernización e innovación das industrias culturais e creativas mediante proxectos dixitais e tecnolóxicos 2020. Mesa redonda: Music Live Stream, Exquare: Centro Expositivo Experimental M3, e Summer Camp.

11h. Mellores proxectos das axudas para a acción e a promoción cultural 2020. Mesa redonda: Elaboración e difusión de estudio sobre a formación animación e VFX a nivel nacional e europeo; XXII Xornadas Internacionais de Patrimonio Industrial e Feira Culturgal 2020

12h. Networking