Novas

Culturgal seguirá apostando en 2021 pola retransmisión para chegar a novos públicos

29 Novembro 2020
Culturgal seguirá apostando en 2021 pola retransmisión para chegar a novos públicos

Pechou Culturgal 2020, como xa é tradición anunciando as datas do próximo ano 2021: 26, 27 e 28 de novembro. Se ben o obxectivo é recuperar a presenza de stands das empresas culturais e seguir sendo o punto de encontro anual do sector o vindeiro ano, a organización de Culturgal seguirá traballando no formato de retransmisión como idóneo para chegar a máis público. Esta 13ª edición retransmitida deixou patente que a recepción dos espectáculos e eventos a través dunha pantalla é un ferramenta moi potente para romper barreiras de acceso cultural. Máis de nove mil reproducións nas canles da Culturgal 2020 son un estímulo para a organización do evento de cara a seguir medrando a través da vía dixital.


A resposta presencial superou a expectativa habida conta de que só podian asistir veciñas e veciños de Pontevedra e contorna. Ao redor de 900 persoas ocuparon as butacas do Pazo da Cultura e do Teatro Principal nas diferentes actividades durante o sábado 28 e o domingo 29 de novembro. Non foron poucas as que esgotaron entradas: todas as películas proxectadas na sala de cinema, o encontro de Banda Deseñada e a conversa con Manuel Rivas e Elba Pedrosa no Teatro Principal, os concertos de Susana Seivane, Cas Berlai, Luar na Lubre, A Central Folque e espectáculo infantil de Pakolas no Auditorio do Pazo da Cultura, a performance teatral e poética de Rosalía Fernández Rial e Marta Pérez “Inversa Teatro” ou Opera Break´s, o show de breakdance e ópera producido por Vella Escola no Espazo Foro do Pazo da Cultura. En todos os recintos puxéronse en marcha medidas extraordinarias de limpeza e desinfección ao remate de cada actividade.


Foron moitas as propostas na Culturgal 2020 conectadas coa pandemia e cos cambios sociais e, tamén, de hábitos culturais derivados da crise da COVID19. Na xornada de peche, o Espazo Libro no Teatro Principal acolleu un evento especial dedicado aos libros da pandemia editados en Galicia como a tradución de Pandemia de Slavoj Zizek, realizada por Carlos Aymerich e editada por Galaxia; o volume Setenta ideas para a (post)pandemia, editado por Catro Ventos coa participación de sete autores ou o último proxecto de Xurxo Souto: “Pangalaica, recortes poderosos”. Tamén o domingo a  Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM) e a Asociación de Empresas Tecnolóxicas e Audiovisuais (AGATEC) abordaron  o temas dos aforos nos eventos culturais nesta época de restricións de mobilidade.


Novas audiencias na rede
“A retransmisión da programación para chegar a máis público ven para quedarse. O obxectivo é recuperar canto antes a parte feiral de Culturgal pero todo o sector cultural debemos entender que a retransmisión nos ofrece non só desafíos senón moitos beneficios. Á hora de mostrar proxectos, produtos ou servizos temos ante nós a posibilidade de obter máis alcance. Na Culturgal sempre botamos en falta a aquel público ao que lle costaba máis desprazarse, por exemplo é o caso de Lugo e Ourense, cunha asistencia testemuñal na historia de Culturgal. A retransmisión permítenos chegar a eses público, de feito o comprobamos nos comentarios da canle youtube que temos xente que nos saúda desde A Mariña, pero tamén desde Lisboa ou País Vasco”, explica Xosé Aldea, director da Culturgal, quen considera que unha boa realización e transmisión das propostas compensa en boa parte a non presenza física e permite a conexión con novos públicos.


Máis de 70 propostas culturais de música ao vivo, teatro, libros, arte, ciencia e espectáculos para toda a familia, 12 cámaras, 20 horas de retransmisión e un equipo de máis de 60 persoas traballlando para levar ás casas o mellor da cultura galega, son as cifras que a organización quere destacar. Culturgal 2020, co lema “En caso de emerxencia, cultura” estivo organizada pola asociación do mesmo nome, presidida por Victor López, e da que forman parte AGE (Asociación Galega de Editoras), AGEM (Asociación Galega de Empresas Musicais), Eganet (Empresas Galegas Adicadas á Internet), AGAPI (Asociación Galega de Produtoras Independentes) e Escena Galega. A conversa continuada nos últimos meses coas institucións patrocinadoras da Feira foi fundamental nesta edición marcada pola COVID19. A Xunta de Galicia, a través de Agadic, foi un ano máis a patrocinadora principal da Feira; ademais, o apoio fundamental do concello de Pontevedra, da Deputación de Pontevedra e do Ministerio de Cultura e Deporte.