Novas

Culturgal renova directiva e arranca a organización da Feira 2019

11 Marzo 2019

Arrancan os traballos para a organización de Culturgal 2019 despois da reunión da directiva da asociación o pasado xoves 7 de marzo en Santiago de Compostela. Víctor López, representante de EGANET (Empresas Galegas Adicación á Internet), presidirá a asociación os próximos dous anos tras facerse cargo o pasado ano de maneira interina. A décimo segunda edición de Culturgal celebrarase do 29 de novembro ao 1 de decembro no Pazo da Cultura de Pontevedra. A principios do verán a organización abrirá as convocatorias de stands e programación ademais de presentar a imaxe e anunciar as novidades 2019.

Culturgal é unha asociación de asociacións. En concreto, reúne as asociacións máis representativas do sector cultural en Galicia: Asociación Galega de Editoras (AGE), Escena Galega, Asociación Galega de Produtoras Independentes (AGAPI), Asociación Galega de Empresas da Música (AGEM) e Empresas Galegas dedicadas á Tecnoloxía (EGANET). A Feira conta cos patrocinios institucionais da Xunta de Galicia, Concello de Pontevedra, Deputación de Pontevedra e Ministerio de Cultura. En 2018, ademais contou coa colaboración especial da Deputación da Coruña.

Tres mulleres e dous homes compoñen a xunta directiva, que queda conformada do seguinte xeito: ademais de Víctor López como presidente son vogais: Mercedes Castro de Escena Galega, Henrique Alvarellos pola AGE, Uxía Caride de Agapi, e Beatriz Fernández, de AGEM. Da coordinación da Feira encargarase o editor e xestor Xosé Aldea e o seu equipo, que levan desenvolvendo esta tarefa desde hai seis anos.

 

Culturgal renova directiva e arranca a organización da Feira 2019

A cita con culturgal 2022

Culturgal, un evento único que se celebra anualmente reunindo ao sector cultural e aos seus públicos en Pontevedra, renóvase en 2022. Este ano a Feira celebra o seu quince aniversario e suma un día máis, cunha xornada previa o xoves 24 de novembro, dirixida exclusivamente a profesionais, empresas e asociacións sectoriais. Un dos obxectivos desta edición é atraer a un maior número de profesionais e servir de cruce de camiños entre sectores para o nacemento de novos proxectos.

Para o público xeral, Culturgal achegará nos diferentes escenarios do Pazo da Cultura de Pontevedra as novidades editoriais, o último en audiovisual, novas propostas das artes escénicas, espectáculos de música ao vivo, servizos profesionais e outras iniciativas híbridas e vinculadas ao mundo da arte. Unha oferta de programación contemporánea e representativa da acción cultural no país con avances, estreas e actualidade, asi como un amplo punto de información e compra da produción cultural do ano. A renovación tamén comporta un novo deseño de programación co obxectivo de afondar na calidade das propostas, de implicar máis os públicos na actividade da Feira e de construír un evento máis cómodo e satisfactorio.