Novas

Culturgal 2021 desconfínase e recupera a esencia feiral en Pontevedra do 26 ao 28 de novembro co lema “A cultura que toca”

13 Xullo 2021
Culturgal 2021 desconfínase e recupera a esencia feiral en Pontevedra do 26 ao 28 de novembro co lema “A cultura que toca”

A Ponte do Burgo, con oitocentos anos de historia en Pontevedra, acolleu a presentación da Culturgal 2021 este martes 13 de xullo pola mañá. Baixo o lema “A cultura que toca” o evento recupera a parte feiral tras a pandemia e desenvolverase do 26 ao 28 de novembro no Pazo da Cultura de Pontevedra. A reserva de espazo feiral está aberto para empresas, entidades e artistas asi como a convocatoria para participar na programación, con prazo até o 15 de setembro. Participaron na presentación o presidente e o director de Culturgal, Víctor López e Xosé Aldea respeitivamente, acompañados da deputada provincial Victoria Alonso, o director da Agadic-Xunta de Galicia, Jacobo Sutil e a concelleira de Cultura de Pontevedra, Carme Fouces.


Precisamente cun cálido agradecemento aos patrocinadores institucionais abriu o acto Víctor López “Marcamos o punto de arranque da 14 ª edición de Culturgal nun espazo ao aire libre, nesta Ponte do Burgo, que dalgún xeito simboliza esa necesidade que todos temos de recuperarnos como seres sociais, de recuperar o disfrute do espazo público, de recuperar o disfrute da cultura. A cultura que toca é o lema que escollimos este ano e que queremos que teña un amplo significado, por unha banda, o relativo a fomentar o contacto entre a acción cultural ao vivo e o público, entre as empresas e axentes culturais, coa previsión de que esta Culturgal será a do reencontro, a da recuperación, a do contacto directo coa cultura. Este leiv motiv de A cultura que toca tamén, porque se sempre é necesaria, pensamos que agora máis que nunca cultura para superar a crise, cultura para fomentar o diálogo, o respecto e a diversidade, cultura como laboratorio dun futuro mellor, cultura como punto de encontro”, reseñou o presidente da Asociación Culturgal.


O director da Feira, Xosé Aldea, convidou ao sector cultural a participar na Feira confeccionando un programa que é “un proxecto colectivo, xa que a programación da Culturgal constrúese con propostas chegadas das empresas, das entidades e institucións, dos creadores e artistas, nun proceso que está aberto até o 15 de setembro”. A dixitalización da Culturgal toma impulso tras unha pasada edición en streaming que serviu de aprendizaxe para a organización que, en 2021, poñerá en marcha a Culturgal TV, unha canle que a xeito de magazine funcionará como “unha tele cultural de fin de semana”. Sinalou que o venres 26 de novembro será unha xornada orientada aos profesionais do sector e os días 27 e 28 abrirase ao público.


Victoria Alonso, deputada de Cultura e Igualdade na Deputación de Pontevedra, destacou a presenza que terá a institución provincial na Feira con stand propio mostrando a cultura feita na provincia. “Sabemos que non poderemos ofrecer a interacción e o dinamismo doutros anos no stand, pero volveremos a traballar con entusiasmo con todos os concellos para mostrar a súa labor cultural”, sinalou. 


Desde a Agadic-Xunta de Galicia, Jacobo Sutil reseñou que Culturgal volva a ser punta de lanza da cultura galega. “Se o ano pasado fixeron unha edición online exemplar, é unha moi boa nova recuperar a presencialidade e o contacto directo do público coa cultura, imprescindible para reactivar o sector entre todos”, apuntou. Sutil destacou a exemplar alianza público-privada que implica Culturgal e anunciou a presenza da Xunta de Galicia con stand propio, como ven sendo habitual na Feira, con especial destaque para as actividades promovidas polo Xacobeo 21-22, “un acontecemento fundamental para empurrar o sector tras esta crise”.


Pechou a presentación de Culturgal a concelleira de Pontevedra Carme Fouces que fixo unha metafora entre a Ponte do Burgo, o lugar da rolda de prensa, e Culturgal. “Por innovación, por historia, por servir de conexión, de ferramenta de comunicación, por ser un relatorio da cultura nos últimos anos”, indicou, para engadir que o concello de Pontevedra “non só poñerá o espazo físico, o Pazo da Cultura, senón a alma nesta Culturgal da recuperación”.


Convocatorias abertas e recoñecemento do Ministerio de Cultura

 
Até o 15 de setembro todas aquelas entidades interesadas en presentar os seus espectáculos, produtos ou servizos na Culturgal están convidadas a facelo a través da web cultur.gal. Teñen prioridade aquelas procedentes de empresas asociadas a Culturgal, é dicir, ás pertencentes a Escena Galega, Agapi, Asociación Galega de Editoras, Eganet e Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM), que tamén gozan de desconto na reserva de stands. 


Malia non estar representado na rolda de prensa, o Ministerio de Cultura e Deporte tamén é un dos patrocinadores da Feira e o presidente de Culturgal, Víctor López, anunciou que o evento foi un dos tres mellores valorados do Estado dentro da convocatoria ministerial 2020 de axudas para a acción e a promoción cultural. Con este motivo, o 11 de novembro a organización está convidada a un acto na Fundación Telefónica de Madrid promovido polo Ministerio de Cultura no que se presentará o proxecto Culturgal ao longo das súas catorce edicións.