Novas

Culturgal 2020: sen stands, con actividades en cinco escenarios e tres canles en streaming

27 Outubro 2020
Culturgal 2020: sen stands, con actividades en cinco escenarios e tres canles en streaming

Desde a organización da Feira temos que comunicar que o evento ten que prescindir da presenza de stands no recinto feiral de Pontevedra. Así o impón a situación sanitaria provocada pola Covid-19, coas medidas promulgadas pola Consellería de Sanidade ás que se suma agora o decreto do estado de alarma. Dende a organización entendemos que as empresas con stand non obterían rendibilidade. Nin económica directa pola venda de produtos, nin de marca pola vosa presenza na Culturgal.

A preparación da Culturgal 2020 continúa, xa que traballamos na programación e contidos nos diferentes escenarios e cos aforos presenciais que nos permita a situación así como na súa versión expandida en streaming, co obxectivo de xerar un evento que chegue a todo o público interesado. O proceso de selección está aberto até o 6 de novembro na nosa web.


Con 5 puntos/escenarios de programación: LIBRO, INFANTIL (recinto), FORO (Sala de Exposicións do Pazo), CINEMA (Salón de Actos do Pazo da Cultura) e ESCENA  (música ao vivo e teatro no Auditorio do Pazo da Cultura). Convidámosvos a presentar propostas e contidos para estes espazos que terán o aforo presencial permitido, e en tres deles, LIBRO, FORO E ESCENA, transmisión en streaming. 


Tras a resolución da directiva de Culturgal, desde a organización, moitas conversas telefónicas e correos coas empresas e entidades que reservaran o seu stand 2020. A organización traballou desde agosto na redución porcentual de aforos en base á capacidade do espazo e á previsión de que tras o pico do comezo de outono, a situación sanitaria estabilizaríase cara novembro-decembro. Lamentablemente ningunha das dúas premisas está en pé: as medidas sanitarias establecen aforos máximos a día de hoxe, para espazos pechados de 60 persoas (100 cunha autorización especial da Xunta). 

Seguimos adiante coa Culturgal, do 27 ao 29 de novembro, como espazo referencial para presentación de proxectos, produtos e servizos, espectáculos, arte contemporánea, actividade editorial, profesional etc, convencidos de que a cultura é necesaria e segura. Queremos unha vez máis agradecer confianza na Feira de empresas, institucións, entidades e creadoras/es.