Novas

Culturgal 2020 retransmite a creación cultural galega da pandemia

29 Novembro 2020
Culturgal 2020 retransmite a creación cultural galega da pandemia

O sábado 28 de novembro na Culturgal comezou a programación retransmitida desde Pontevedra en aberto para todo o público. A organización do evento habilitou 3 canles na súa páxina web a través das que transmite a programación dos espazos Libro (Teatro Principal de Pontevedra), Foro (Sala Exposicións do Pazo da Cultura) e Escena (Auditorio do Pazo). Susana Seivane, Luar na Lubre, Manuel Rivas, Elba Pedrosa, Ledicia Costas, Marta Pérez de Inversa Teatro ou as cooperativas culturais nutriron o programa da Culturgal 2020 con público presencial e online. A retransmisión de Culturgal permitiu achegar a programación a centos de persoas durante a xornada do sábado; o número de reproducións nas canles do evento chegou a catro mil. 

No Foro da Culturgal o sábado foron protagonistas, por unha banda, as institucións que como Deputación de Pontevedra e Xunta de Galicia presentaron as súas liñas de traballo no ámbito da cultura. Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra, fixo balance do proxecto Re-Acción Cultural posto en marcha a consecuencia da pandemia para a apoiar o sector cultural da provincia. Pola tarde, foi Anxo Lorenzo, secretario xeral de Cultura da Xunta, quen esbozou as claves das políticas dixitais e das estratexias culturais para o ano 2021. "Temos unha cantidade moi alta de iniciativas que se realizan ao longo do ano que ven, que buscan a máxima participación social, achegarse a todos os públicos de Galicia”, reseñou Lorenzo en defensa da transmisión dixital de contidos. 

Por outra parte, o espazo Foro situado na sala de exposicións do Pazo da Cultura de Pontevedra rebordou arte contemporánea e perfomances como a de Monica Mura e Maria Roca, xordidas ao redor da distancia física imposta pola pandemia e da violencia machista respectivamente durante a mañá. En relación ao mundo do libro, o sábado 28 Culturgal recibiu as visitas de Ledicia Costas, Manuel Rivas, Antón Lopo, Eva Mejuto, Anxos Sumai, Marilar Aleixandre e Rosalia Fernández Rial, entre outros. Os encontros literarios teñen lugar este ano no Teatro Principal de Pontevedra.


No balcón da Susana Seivane, a cultura é boa e segura

Durante a tarde pasáronse dúas das películas do ano en Galicia: Arima de Jaione Camborda e A illa das mentiras, de Paula Cons. En ambos casos o público asistente tivo oportunidade de conversas coas directoras sobre os procesos de rodaxe e distribución de filmes nun ano marcado pola COVID19. Tamén na quenda da tarde as cooperativas culturais protagonizaron “A hora da Economía Social na Culturgal” con demostracións ao vivo do seu traballo por parte das seguintes entidades: Cestola, Culturactiva, Urdime, Miudiño, DezdeDez e Charlatana. 

Susana Seivane e Luar na Lubre foron os pratos fortes da xornada no escenario musical de Culturgal 2020 baixo a etiqueta Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021. A gaiteira tocou desde un balcón improvisado no Auditorio do Pazo, desde o que proclamou que a cultura é boa e segura. Foron vinte minutos dos seus concertos de desconfinamento, que iniciou durante a corentena para animar aos seus veciños. Pecharon o escenario de concertos ao vivo do sábado Luar na Lubre, co seu espectáculo Vieiras e vieiros, historias de peregrinos, un album no que visualiza a pegada artística., cultural e natural do Camiño de Santiago.