A Asociación Culturgal convoca o concurso restrinxido para adxudicar a provisión de servizos da Feira Culturgal 2022 segundo as seguintes bases.
Esta convocatoria abrangue os traballos referidos a stands e mobiliario xeral no recinto feiral de Pontevedra así como do resto de espazos en uso dentro do Pazo da Cultura. Para ofrecer toda a información ás empresas interesadas, poñemos ao seu dispor planos da Feira, manual do expositor e tipoloxías de stands na nosa páxina web www.cultur.gal. Así mesmo para consultas e dúbidas, estamos operativos no correo propostas@culturgal.com para dar asistencia coa maior celeridade durante o prazo da convocatoria.
Ata o 28 de outubro de 2022.
Culturgal, un evento único que se celebra anualmente reunindo ao sector cultural e aos seus públicos en Pontevedra, renóvase en 2022. Este ano a Feira celebra o seu quince aniversario e suma un día máis, cunha xornada previa o xoves 24 de novembro, dirixida exclusivamente a profesionais, empresas e asociacións sectoriais. Un dos obxectivos desta edición é atraer a un maior número de profesionais e servir de cruce de camiños entre sectores para o nacemento de novos proxectos.
Para o público xeral, Culturgal achegará nos diferentes escenarios do Pazo da Cultura de Pontevedra as novidades editoriais, o último en audiovisual, novas propostas das artes escénicas, espectáculos de música ao vivo, servizos profesionais e outras iniciativas híbridas e vinculadas ao mundo da arte. Unha oferta de programación contemporánea e representativa da acción cultural no país con avances, estreas e actualidade, asi como un amplo punto de información e compra da produción cultural do ano. A renovación tamén comporta un novo deseño de programación co obxectivo de afondar na calidade das propostas, de implicar máis os públicos na actividade da Feira e de construír un evento máis cómodo e satisfactorio.