Na mañá do sábado o público protagonista foi o infantil e familiar que visitou o recinto feiral de Pontevedra para participar dos diferentes obradoiros que a Feira lles propuxo ao redor dos videoxogos, da pintura, da tipografía e da pairoflesia. Ciencia á Feira co CSIC Galicia que trae a Culturgal cada ano a campaña de recolla de dentes do Rato Pérez liderada polo Centro Nacional de Investigación sobre a Evolución Humana, a película de animación “Valentina” e a contada de Paula Carballeira foron outras das actividades dixiridas ao público cativo durante o sábado.
A compañía Chévere celebrou os seus trinta e cinco anos de traxectoria teatral na Culturgal coa presentación do libro editado por Kalandraka para a ocasión. Os integrantes da compañía Miguel de Lira, Patricia de Loreznzo e Xesús Ron participaron no coloquio ao redor do libro “Chévere 1987-2022. Trinta e cinco anos de axitación cultural” interpelados por Roberto Pascual, director da Mostra de Teatro de Ribadavia. Tras eles, máis aniversarios que celebrar, como o que a editorial Galaxia rendeu á escritora Helena Villar Janeiro polos seus cincuenta anos de poesía e compromiso.
Doce actividades dirixidas a empresas e profesionais desenvolvéronse ao longo da xornada do 26 de novembro. Así durante a mañá a Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural (AGPXC) celebrou mesa de traballo e faladoiro baixo o título “Coidar de nós, para coidar da cultura. Cara uns modelos sustentables de traballo na xestión cultural” reunindo a profesionais de todo o Estado como Ana Aznar, da Asociación de Gestoras y Gestores Culturales de Extremadura (AGCEX), Raül Carretero, da Associació de Professionals de la Gestió Cultural a Catalunya ( APGCC), Berta Figueiras, Red de Espacios y Agentes de Cultura Comunitaria (REACC) e Carlos Lorenzo, presidente da galega AGPXC . Tamén o ámbito da tradución para cine e televisión foi obxecto de análise por parte da AGPTI na programación profesional, asi como as artes escénicas da man da Asopciaicón de Directores de Escena de España e da Academia Galega de Teatro. A música estivo presente no Espazo Profesional co Foro Resonancia, un proxecto profesional de instrumentos musicais no marco do festival de Tui “Música no Claustro”.
A noite grande Culturgal
#CulturgalSon15 foi a proposta musical especial deste aniversario da Culturgal; unha iniciativa da man de AGEM (Asociación Galega de Empresas Musicais) co apoio de Agadi-Xunta de Galicia para reunir no escenario a catro dos novos talentos da música galega do momento: Antía Muíño, Néboa, Berto e Grande Amore. Antía Muíño, compostelá residente en Donostia, que está a converterse nun fenómeno co lanzamento do seu traballo “Carta aberta” e que recibiu o Premio Martín Códax da Música 2022 como Artista Emerxente. foi a encargada de abri o mini-festival desta 15ª Culturgal.; Tamén a banda Néboa triunfou este ano nos Martín Códax co galardón na categoría Pop e Indie coa súa proposta baseada no coñecemento da música alternativa e a sensibilidade pola instrumentación da música tradicional, que mostrou con enerxía na noite grande de Culturgal. O techno e o baile trouxérono a #CulturgalSon15 o proxecto Berto, que xa alterara o panorama musical galego co seu anterior grupo Verto, e detrás do cal está o compositor e músico pontevedrés Alberto Mira. O peche da noite musical na Feira chegou con Grande Amore, un proxecto tan exitoso como sorprendente, cargado de personalidade e galardoado nos Martín Códax deste ano na categoría de Electrónica.
Culturgal, un evento único que se celebra anualmente reunindo ao sector cultural e aos seus públicos en Pontevedra, renóvase en 2022. Este ano a Feira celebra o seu quince aniversario e suma un día máis, cunha xornada previa o xoves 24 de novembro, dirixida exclusivamente a profesionais, empresas e asociacións sectoriais. Un dos obxectivos desta edición é atraer a un maior número de profesionais e servir de cruce de camiños entre sectores para o nacemento de novos proxectos.
Para o público xeral, Culturgal achegará nos diferentes escenarios do Pazo da Cultura de Pontevedra as novidades editoriais, o último en audiovisual, novas propostas das artes escénicas, espectáculos de música ao vivo, servizos profesionais e outras iniciativas híbridas e vinculadas ao mundo da arte. Unha oferta de programación contemporánea e representativa da acción cultural no país con avances, estreas e actualidade, asi como un amplo punto de información e compra da produción cultural do ano. A renovación tamén comporta un novo deseño de programación co obxectivo de afondar na calidade das propostas, de implicar máis os públicos na actividade da Feira e de construír un evento máis cómodo e satisfactorio.