Novas

A produtora Eva Alonso, nova directora da Culturgal

17 Maio 2022
A produtora Eva Alonso, nova directora da Culturgal

Eva Alonso (Santiago de Compostela, 1982) é a persoa seleccionada como nova directora da Culturgal. A directiva da Feira, con representantes da Asociación Galega de Editoras, AGEM, Agapi, Escena Galega e Eganet, seleccionou o proxecto da produtora Eva Alonso como o máis acaído para a etapa de renovación do modelo feiral. Cunha extensa experiencia na produción tanto en artes escénicas como no audiovisual desde hai dúas décadas, a nova directora de Culturgal é, ademais, socia da empresa cultural Chiripa e responsable de varios documentais. Coa incorporación da nova dirección, a edición 2022 da feira ponse en movemento para desenvolver durante o verán as diferentes liñas de traballo. A cita anual da cultura galega celebrará a súa 15ª edición en 2022, do 25 ao 27 de novembro en Pontevedra. 


A andaina no sector audiovisual de Eva Alonso -mestrado en Produción e Xestión Audiovisual ademais de licenciada en Químicas- levouna a exercer como responsable de produción dos Premios Mestre Mateo, os galardóns anuais do sector, e de varios documentais como  O que hai que facer por non ir ao mar (2013), Contra os elementos (2016) e 30 anos actuando: que nos quiten o bailado! (2017), este último tamén dirixido por ela. A experiencia audiovisual reparte o peso no currículum de Eva Alonso coa produción teatral, na que comeza aos vinte anos coordinando espectáculos na xa desaparecida Sala Yago, en Santiago de Compostela, e na que continúa, vinculada especialmente á compañía Teatro do Noroeste desde hai case dúas décadas. Eva Alonso tamén dirixiu a produción do I Congreso Internacional do Teatro Galego, celebrado en 2020 en Santiago de Compostela.


As bases para a dirección da Cultural demandaban un perfil profesional de xestión cultural, coordinación de proxectos, con capacidade de diálogo e de interlocución co tecido artístico e cidadanía, de creación de sinerxías e de proxectos, e, ademais, de cooperación con outras institucións públicas e privadas. As persoas candidatas presentaron, ademais do seu currículum, un proxecto que debía incluir unha análise de contexto así como unha descrición de obxectivos, contidos, públicos, estratexias, modelo de xestión e calendario de produción. 

Para o proxecto reservábase o maior número de puntos no proceso de selección: setenta e cinco dos cen totais, mentres que os outros vinte e cinco repartíanse entre formación, experiencia e traxectoria. A directiva da Culturgal valorou seis candidaturas presentadas para a dirección da Feira nunha convocatoria que estivo aberta desde o 11 de abril ao 9 de maio.


Culturgal está organizada pola asociación do mesmo nome, presidida por Víctor López e constituída en 2010. Forman parte de Culturgal as asociacións profesionais máis representativas do sector: Asociación Galega de Editores (AGE), Asociación Galega de Empresas de Artes Escénicas (Escena Galega), Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM), Empresas Galegas Adicadas a Internet e ás Novas Tecnoloxías (Eganet), Asociación Galega de Produtoras Independentes (Agapi). A Feira conta co patrocinio estable da Xunta de Galicia, Concello de Pontevedra, Ministerio de Cultura e Deporte e Deputación de Pontevedra.