Obxectivos
A intención é crear un espazo onde as industrias culturais galegas poidan amosar os seus produtos e servizos
Os obxectivos xerais que se pretenden acadar coa organización do Cultur.gal son
darlle visibilidade á oferta cultural do país, nas súas diferentes versións, soportes ou sectores, e construír un espazo de referencia onde as industrias culturais galegas poidan presentar, amosar, promocionar e vender os seus produtos e servizos.
Deste xeito, quérese crear unha gran plataforma cultural que se converta nunha
cita anual imprescindíbel e obrigada, para todos os sectores e ámbitos culturais do país.Para logralo esta fin, Cultur.gal establece unha serie de obxectivos específicos:
- Fixar neste espazo un lugar de encontro anual fixo dos diferentes sectores, asociacións e colectivos dos/as profesionais da cultura, convocando nel encontros, xornadas formativas, actividades, etc.
- Artellar ao redor deste evento toda unha serie de encontros dos diferentes sectores da produción e xestión cultural cada vez máis interrelacionados: do mundo do libro, das artes escénicas, da música, do audiovisual, da xestión e programación cultural, das novas tecnoloxías da cultura e do lecer, etc.
- Fomentar a interrelación, a cooperación e a creación de rede entre as empresas e ámbitos culturais e incentivar o fortalecemento do sector das industrias culturais.
- Servir como espazo de referencia eficiente para a compravenda de produtos e servizos culturais, tanto os de venda directa á cidadanía en xeral como os de venda a programadores/as, xestores/as culturais, etc.
- Promover unha maior implicación do sector privado na creación e difusión cultural.