Culturgal:

Asociación Galega de Empresas de Artes Escénicas (Escena Galega)

Asociación Galega de Empresas de Artes Escénicas (Escena Galega)

Escena Galega, a Asociación Galega de Empresas das Artes Escénicas, creouse no ano 2002 como un organismo de carácter profesional, autoxestor, autónomo e independente, integrado por empresas e empresarios individuais que teñen como actividade a produción de espectáculos escénicos. Na actualidade congrega a 27 compañías de teatro, de danza e de monicreques.

O seu obxectivo prioritario é a representación, defensa, xestión e promoción dos intereses persoais, sociais e económicos dos seus asociados. Nun senso máis amplo pretende contribuír a sentar as bases da actividade escénica profesional. No seu tempo de existencia realizou un intenso labor para fomentar a consolidación das compañías, promovendo unha serie de servizos asistenciais. Xogou tamén un papel central na negociación dos primeiros convenios colectivos de actores e actrices e de eventos, servizos e producións culturais de Galicia. Así mesmo, actúa como interlocutora coas institucións públicas e forma parte da comisión negociadora das axudas ás artes escénicas da Agadic.

Organiza acotío actividades e elabora estudos coa intención de facer unha radiografía do sector e transmitirlle ao conxunto da sociedade a relevancia cultural, social e económica das artes escénicas. É por iso que recolle como a súa finalidade xeral impulsar todo tipo de iniciativas e accións relacionadas coa defensa e potenciación das artes escénicas, a lingua e a cultura galega.