Novas

O cinema galego íspese en Culturgal

25 Novembro 2023

A Feira das Culturas Galegas debulla a boa saúde do sector audiovisual e augura a súa continuidade

Xa só fica unha semana para o inicio da décimo sexta edición da Feira das Culturas Galegas. Culturgal ultima os preparativos dunha programación que reunirá máis de 100 actividades de programación xeral. Entre elas atópanse unha serie de proxeccións e encontros que toman o pulso dun sector audiovisual que atravesa anos dourados, indagando profundamente no local para contar historias universais.

O Corno, o máis recente éxito do noso cinema, chega a Culturgal promovendo un coloquio moi especial no que á directora Jaione Camborda se unirá Anna Palazón, a doula que a asistiu na conceptualización do filme. Este termo alude ás persoas, xeralmente mulleres, que axudan ás nais e as acompañan durante o embarazo, o parto, o posparto e os coidados da crianza. O público poderá así comprender mellor o proceso de documentación dunha película que precisamente foi recoñecida polo impactante e realista retrato da maternidade.

Outra das obras fundamentais deste ano, Matria, chega tamén á Feira tras estrearse no Festival de Berlín ou o Festival de Málaga. Neste caso, a obra contará cun coloquio no que, ademais do director, Álvaro Gago, e a actriz protagonista, María Vázquez, estará Francis, a muller na que se inspira a personaxe de Ramona, e as rapazas da conserveira. Trátase dunha ocasión única para introducirnos na recreación dun universo absolutamente noso, pero capaz de conmover aos públicos internacionais.

Ademais, a Feira acolle a proxección de Honeymoon. Esta peza é obra de Enrique Otero, o director desoutra obra senlleira no panorama galego que foi Crebinsky. Desta volta, o coruñés transpórtanos ao universo de Eva e Carlos, un matrimonio en destrución unido para traer de volta á casa o corpo sen vida do seu fillo Jonás. Terá coloquio co produtor Adrián Pino.

O cine que vén

Culturgal tamén se achega ao cinema que marcará o próximo ano. A Asociación Galega de Produtoras Independentes ofrecerá un espazo de proxección con avances de seis obras: Filmei paxaros voando (Sétima), As Neves (Cósmica Producións), La Parra (Filmika Galaika), Da túa man para a miña (Miramemira), Aurora (Gaita Filmes) e Cine Paraíso, Leiro (Noveolas Producións). Son documentais e ficcións que desde diversos xéneros dan conta da diversidade do noso cinema contemporáneo.

Da animación ao documental

Insistindo nesa heteroxeneidade, a animación é tamén un eido con tradición en Galicia, que se ben non conta cos niveis de hai dúas décadas, mantén unha calidade referencial cun movemento autoral cada vez máis forte. Desde Abano, unha das principais empresas galegas do sector, comparten a película El sueño de la sultana, un relato feminista que toma o título dun conto indio escrito en 1905 por Begum Rokeya Hussein. Teremos ocasión de achegarnos ao proceso de realización da man da produtora María Barro Guntín.

Felipe Lage, presidente de AGAPI, encabezará tamén a presentación de La guerra de Miguel. Este documental, unha coprodución con Líbano e Alemaña, retrata a Michel Jleilaty, un homosexual libanés que viviu de adulto en España baixo o nome de Miguel Alonso, repasando os traumas que o fixeron fuxir da súa patria. O filme estreouse no programa Panorama da Berlinale.

O cinema galego íspese en Culturgal

A cita con culturgal 2023

Culturgal, un evento único que se celebra anualmente reunindo ao sector cultural e aos seus públicos en Pontevedra. Este ano a Feira das Culturas Galegas terá lugar do 1 ao 3 de decembro no Pazo da Cultura, onde os públicos poderán achegarse ás as novidades editoriais, o último en audiovisual, novas propostas das artes escénicas, espectáculos de música ao vivo, servizos profesionais e outras iniciativas híbridas e vinculadas ao mundo da arte. Unha oferta de programación contemporánea e representativa da acción cultural no país con avances, estreas e actualidade, asi como un amplo punto de información e compra da produción cultural do ano.

Culturgal quere favorecer tamén o seu carácter como escenario de encontros entre profesionais e sectores, e de espazo para o nacemento e consolidación de proxectos. A Feira das Culturas Galegas busca reforzar os vínculos coas diferentes asociacións gremiais e promover a comunicación entre todos aqueles axentes e sectores que participan da actividade cultural.