Novas

Leilía dá a despedida en Culturgal

13 Novembro 2023

A banda actúa na Feira das Culturas Galegas o 2 de decembro

Leilía dará a despedida en Culturgal. A Feira das Culturas Galegas ofrecerá un dos últimos concertos da histórica banda galega o sábado 2 de decembro ás 21h no Auditorio do Pazo da Cultura (Pontevedra). Esta actuación será dos eventos centrais da 16ª edición de Culturgal, que se avanza cargada de actividades diversas e representativas da variedade das culturas galegas. 

As pandeireteiras Ana Rodríguez, Rosario Rodríguez, Montse Rivera, Felisa Segade, Patricia Segade e Mercedes Rodríguez encetan o tramo final da súa xira de despedida, ‘Anque me vou non me vou’, tras máis de tres décadas sobre os palcos. Para dicir adeus como se merece, Leilía ofrece un espectáculo que percorre a súa traxectoria, que é tamén unha andaina pola nosa historia musical, pero vista cos ollos do ano 2023.

Desde os seus comezos en 1989, as artistas viviron de primeira man, como pioneiras do novo folk galego, a transformación na situación da música de tradición oral do país. De patrimonio fráxil en esmorecemento, o traballo de recuperación e dignificación de bandas como Leilía foi esencial para darlle a categoría que agora ten o noso tradi. A boa saúde da que goza hoxe, co éxito de bandas como Tanxugueiras, Fillas de Cassandra ou Baiuca, non sería imaxinable sen o camiño que abriron artistas como Leilía.  

Culturgal reivindica este legado vivo cunha das últimas oportunidades para ver a agrupación en directo. As entradas para o concerto terán un prezo de 16 euros online e 19 euros en taquilla, dando ademais acceso ao resto da Feira ese día. Xa poden adquirirse a través da web de cultur.gal, no apartado ENTRADAS.

Leilía dá a despedida en Culturgal

A cita con culturgal 2023

Culturgal, un evento único que se celebra anualmente reunindo ao sector cultural e aos seus públicos en Pontevedra. Este ano a Feira das Culturas Galegas terá lugar do 1 ao 3 de decembro no Pazo da Cultura, onde os públicos poderán achegarse ás as novidades editoriais, o último en audiovisual, novas propostas das artes escénicas, espectáculos de música ao vivo, servizos profesionais e outras iniciativas híbridas e vinculadas ao mundo da arte. Unha oferta de programación contemporánea e representativa da acción cultural no país con avances, estreas e actualidade, asi como un amplo punto de información e compra da produción cultural do ano.

Culturgal quere favorecer tamén o seu carácter como escenario de encontros entre profesionais e sectores, e de espazo para o nacemento e consolidación de proxectos. A Feira das Culturas Galegas busca reforzar os vínculos coas diferentes asociacións gremiais e promover a comunicación entre todos aqueles axentes e sectores que participan da actividade cultural.