Novas

Culturgal Expandido estende a Vigo a Feira das Culturas Galegas

13 Novembro 2023

O 23 e o 24 de novembo na sede da Deputación de Pontevedra en Vigo

Por primeira vez, Culturgal terá dúas sedes. A Feira das Culturas Galegas é un evento que, ano tras ano, converte Pontevedra en epicentro da actividade cultural do país. A Boa Vila torna capital, pero Culturgal apela a toda Galicia. Con esta idea, este ano busca ampliar o seu territorio de operacións. Por iso contará con actividades máis alá das fronteiras da cidade que o acolleu todos estes anos, baixo a denominación de Culturgal Expandido.

As actividades terán lugar na sede da Deputación de Pontevedra na cidade olívica (Rúa Eduardo Chao), os días 23 e 24 de novembro a partir das 18h e o acceso será de balde. A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Marta Fernández-Tapias Nuñez, presentou este luns a programación, que se enmarca nunha aposta por recuperar o papel de Vigo como referente cultural. Estivo acompañada de Camilo Franco, director da Feira. 

O xoves abrirá ás 18h cun espazo de conversa arredor da memoria histórica, no que compartirán impresións a escritora Iria Morgade e a historiadora Alba Garrido. A primeira vén de publicar Quen escribirá a miña historia? (Galaxia), unha viaxe ficcional que parte dunha mensaxe escrita nas paredes dun campo de concentración para explorar as tensións dun pasado e un presente atravesados pola violencia. A segunda investiga en De Galicia a Mauthausen (Galaxia), as orixes, contextos, traxectorias vitais e experiencias daqueles galegos que remataron nos campos de exterminio do III Reich. 

A continuación, Iolanda Zúñiga e o pianista Velpister farán unha lectura-concerto que nos traslada a aposta da Feira das Culturas Galegas polos formatos mestizos. A narración da autora viguesa de libros como Periferia (Xerais) ou Natura (Galaxia), cunha singular ollada do cotián, únese ás improvisacións dun artista que se define como “cosmodisciplinar”, cunha teima por reunir no escenario todas as disciplinas que practica. Pois ademais de músico e compositor, é pintor, escultor, escenógrafo, narrador, poeta, actor e cantante.

Catuxa Salom será a encargada de fechar a xornada do xoves. A artista de Vilagarcía publicou en 2022 o seu álbum debut, Nunha aldea, para moitos unha “revelación”, pero que chega tras moitos anos na industria musical. Na súa proposta conflúen sonoridades galegas e arxentinas, ambas as dúas integradas no ADN da compositora, nun formado que se desliza entre a música de raíz e a electrónica para explorar novos roteiros. 

O venres arrincará coa celebración do 40 aniversario dos Premios Xerais, cunha reunión de autores e autoras galardoados á que asistirán Rexina Vega (Cardume, 2007), María Reimóndez (Dende o conflito, 2014), Manuel Esteban (A ira dos mansos, 2016), Santiago Lopo (A arte de trobar, 2017) e o máis recente gañador, Pedro Feijoo (Ninguén contará a verdade, 2023). O faladoiro estará conducido por Fran Alonso, director de Edicións Xerais de Galicia, que axudará a trazar un percorrido por este codiciado premio entre escritas ben diversas, que dan conta da riqueza do sistema literario galego. Para completar este panorama, a poeta e actriz María Lado, cunha sólida traxectoria lírica desde os seus inicios no Batallón Literario da Costa da Morte ata as máis recentes Gramo Stendhal (Apiario) ou Ninguén morreu de ler poesía (Xerais), ofrecerá un recital enchoupado do seu íntimo estilo, irreverente e prosaico.

Para fechar a noite, Leilía compartirá co público as súas emocións ante a inminente xira de despedida ‘Anque me vou non me vou’. Un título que chama xa a fantasiar con futuros retornos, mesmo antes de que teñan marchado. O do Expandido será un petisco do que poderemos ver no seu concerto en Culturgal o 2 de decembro, unha ocasión única para dicir adeus ás pandeireteiras tras máis de trinta anos sobre as táboas. As entradas están á venda na web cultur.gal, a un prezo de 16 euros, e inclúen o acceso á Feira no día do concerto. Tamén poderán adquirirse na billeteira, mais a 19 euros.   

 

Culturgal Expandido estende a Vigo a Feira das Culturas Galegas

A cita con culturgal 2023

Culturgal, un evento único que se celebra anualmente reunindo ao sector cultural e aos seus públicos en Pontevedra. Este ano a Feira das Culturas Galegas terá lugar do 1 ao 3 de decembro no Pazo da Cultura, onde os públicos poderán achegarse ás as novidades editoriais, o último en audiovisual, novas propostas das artes escénicas, espectáculos de música ao vivo, servizos profesionais e outras iniciativas híbridas e vinculadas ao mundo da arte. Unha oferta de programación contemporánea e representativa da acción cultural no país con avances, estreas e actualidade, asi como un amplo punto de información e compra da produción cultural do ano.

Culturgal quere favorecer tamén o seu carácter como escenario de encontros entre profesionais e sectores, e de espazo para o nacemento e consolidación de proxectos. A Feira das Culturas Galegas busca reforzar os vínculos coas diferentes asociacións gremiais e promover a comunicación entre todos aqueles axentes e sectores que participan da actividade cultural.