Novas

Culturgal celebrarase este ano con Camilo Franco como novo director

10 Maio 2023

A edición de 2023 quere ser un escaparate integrador das culturas galegas orientado aos públicos

Culturgal arrinca este 2023 cunha nova persoa á fronte: Camilo Franco. O xornalista cultural e escritor, cun perfil transversal que engloba tamén a xestión cultural, asume o posto de director cunha folla de ruta que responde ás bases da convocatoria lanzada pola directiva da feira o pasado febreiro, segundo a cal o cargo poderá prorrogarse varios anos.

A décimo sexta edición da Culturgal, que se celebrará do 1 ao 3 de decembro, promete ser fiel á esencia da feira como un escaparate das culturas galegas diante do público, que permita ao tempo ampliar audiencias. Sen perder isto de vista, a Culturgal atenderá tanto ás principais manifestación das diferentes disciplinas da cultura galega, como a poñer en marcha iniciativas que permitan a visibilidade de novas expresións.

Igualmente, a feira busca este ano ampliar a participación profesional implicando máis sectores, baixo a premisa de ensanchar a base do que se considera cultura no século XXI. Esta maior integración das diversas disciplinas culturais artellarase cunha posta en escena renovada, que continuará a ter Pontevedra como centro neurálxico. Mais non só, pois esta edición a feira gañará protagonismo en toda a comunidade.

Estas son as liñas chave da candidatura do novo director, que resultou seleccionada entre as outras oito presentadas á convocatoria aberta desde o 27 de febreiro ao 8 de marzo. Ao longo dos próximos meses iranse desvelando máis detalles sobre esta edición, que pretende espallar a Culturgal máis alá do evento feiral, reivindicando o seu carácter referencial das nosas industrias culturais.

A feira está organizada pola asociación do mesmo nome, presidida por Víctor López e constituída en 2010. Forman parte de Culturgal as asociacións profesionais máis representativas do sector: Asociación Galega de Editores (AGE), Asociación Galega de Empresas de Artes Escénicas (Escena Galega), Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM), Empresas Galegas Adicadas a Internet e ás Novas Tecnoloxías (Eganet), Asociación Galega de Produtoras Independentes (Agapi). A feira conta tamén co patrocinio da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), o Concello de Pontevedra, a Deputación de Pontevedra e a Deputación de Coruña.

 

Culturgal celebrarase este ano con Camilo Franco como novo director

A cita con culturgal 2023

Culturgal, un evento único que se celebra anualmente reunindo ao sector cultural e aos seus públicos en Pontevedra. Este ano a Feira das Culturas Galegas terá lugar do 1 ao 3 de decembro no Pazo da Cultura, onde os públicos poderán achegarse ás as novidades editoriais, o último en audiovisual, novas propostas das artes escénicas, espectáculos de música ao vivo, servizos profesionais e outras iniciativas híbridas e vinculadas ao mundo da arte. Unha oferta de programación contemporánea e representativa da acción cultural no país con avances, estreas e actualidade, asi como un amplo punto de información e compra da produción cultural do ano.

Culturgal quere favorecer tamén o seu carácter como escenario de encontros entre profesionais e sectores, e de espazo para o nacemento e consolidación de proxectos. A Feira das Culturas Galegas busca reforzar os vínculos coas diferentes asociacións gremiais e promover a comunicación entre todos aqueles axentes e sectores que participan da actividade cultural.