Novas

A xunta directiva da Culturgal convoca a praza de dirección da edición do 2023

27 Febreiro 2023

Profesional con experiencia en coordinación e dirección de proxectos culturais, de equipos humanos, con capacidade de interlocución co tecido artístico e cidadanía, e de cooperación con outras institucións públicas e privadas. A directiva da Culturgal convida a todas as persoas interesadas a presentar a súa candidatura ata o próximo 8 de marzo.

Descargar condicións  

A directiva da Feira procura, con este proceso de selección de dirección, afondar na renovación dun evento de referencia que debe atender ao dobre carácter da Culturgal: por unha banda, como plataforma para o sector e profesionais e, por outra, como festa e encontro para públicos diversos.

Todas as persoas interesadas na convocatoria deberán presentar o seu CV e unha carta de motivación na que acreditar a súa solvencia profesional. A nova directora ou director de Culturgal terá que, entre outras labores, definir o programa da Feira en coordinación coa Xunta Directiva, supervisar a produción, montaxe e equipos técnicos, xestionar os plans de axudas e patrocinios así como procurar novas vías de financiamento e coordinar a estratexia de comunicación. As bases da convocatoria pódense consultar na web www.cultur.gal.

Culturgal está organizada pola asociación do mesmo nome, presidida por Víctor López e constituída en 2010 para dar continuidade e estabilidade a unha feira que arrincara de maneira exitosa en 2007. Forman parte de Culturgal as asociacións profesionais máis representativas do sector: Asociación Galega de Editores (AGE), Asociación Galega de Empresas de Artes Escénicas (Escena Galega), Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM), Asociación de Empresas Galegas Adicadas a Internet e ás Novas Tecnoloxías (Eganet), Asociación Galega de Produtoras Independentes (Agapi). A Feira conta co patrocinio estable da Xunta de Galicia, Concello de Pontevedra, Ministerio de Cultura e Deporte, Deputación de Pontevedra e Deputación da Coruña.

Agradecemento a Eva Alonso

A directiva da Culturgal quere manifestar o seu agradecemento a Eva Alonso, directora da Feira na edición 2022, que pola dedicación que lle esixen outros proxectos profesionais non pode continuar na dirección da edición 2023.

Grazas pola vosa atención e enviámosvos un saúdo cordial,

Comunicación Culturgal
comunicacion@culturgal.com
www.cultur.gal
@culturgal_feira_

A xunta directiva da Culturgal convoca a praza de dirección da edición do 2023

A cita con culturgal 2023

Culturgal, un evento único que se celebra anualmente reunindo ao sector cultural e aos seus públicos en Pontevedra. Este ano a Feira das Culturas Galegas terá lugar do 1 ao 3 de decembro no Pazo da Cultura, onde os públicos poderán achegarse ás as novidades editoriais, o último en audiovisual, novas propostas das artes escénicas, espectáculos de música ao vivo, servizos profesionais e outras iniciativas híbridas e vinculadas ao mundo da arte. Unha oferta de programación contemporánea e representativa da acción cultural no país con avances, estreas e actualidade, asi como un amplo punto de información e compra da produción cultural do ano.

Culturgal quere favorecer tamén o seu carácter como escenario de encontros entre profesionais e sectores, e de espazo para o nacemento e consolidación de proxectos. A Feira das Culturas Galegas busca reforzar os vínculos coas diferentes asociacións gremiais e promover a comunicación entre todos aqueles axentes e sectores que participan da actividade cultural.