Asociación Galega de Produtoras Independentes (Agapi)
Agapi (Asociación Galega de Produtoras Independentes) é a asociación empresarial pioneira do sector audiovisual galego. Agrupa a máis de trinta empresas produtoras de cine, televisión, publicidade e servizos e leva contribuíndo activamente á consolidación e desenvolvemento da industria de Galicia dende hai máis quince anos.
O audiovisual é un sector estratéxico e de futuro para Galicia, conxugando intereses empresariais e culturais nunha mestura na que os dous elementos teñen a mesma importancia e fortaleza. Agapi ten especial interese na constante evolución e actualización de coñecementos dos profesionais da industria audiovisual. Dende a súa creación, organizou numerosos seminarios de formación especializada, que abarcan dende os aspectos máis creativos ata os máis innovadores e tecnolóxicos.
Agapi participou, como única asociación de empresas produtoras independentes convidada a comparecer no Congreso dos Deputados, no proceso de elaboración para a aprobación da nova Lei Estatal do Cine (Lei 55/2007), realizou o primeiro Catálogo da Produción Audiovisual de Galicia e organizou, entre outras cousas, os relevantes encontros profesionais Novas Formas de Distribución e Consumo Audiovisual- NOVOMED e o Foro de Marketing e Comercialización Audiovisual, así como a presenza por primeira vez dunha representación de Galicia no maior e máis importante mercado de contidos audiovisuais do mundo, o MIPCOM de Cannes (2004).